Empezamos o noso particular Paseo da Fama con Betelgeuse, en Orión, e logo, dende o cinturón da constelación do cazador, presentamos ás Pléiades. Hoxe imos cara o outro lado do cinturón para coñecer a Sirio, unha estrela cargada de historias e de moito interese.
Sirio está na constelación de Canis Maior, un dos cans de caza de Orión. No medio das campañas IACO e GaN estaría ben que mirásedes para o ceo para participar nelas e para intentar localizar a Sirio. Sen dúbida non teredes moitos problemas, xa que é a estrela máis brillante que se ve nas noites invernais do Hemisferio Norte (sabedes cal é a estrela máis brillante, moito máis que Sirio?). Localizando o cinturón de Orión e trazando unha liña recta dende aí chégase a Sirio. Algún recordará que estas eran as indicacións para atopar as Pléiades, pois Sirio está xusto no sentido contrario.

Insistimos en que hai moito que contar de Sirio, unha simple ollada á Wikipedia dá unha idea da importancia dela. Por comentar algunha cousa aquí, diremos que foi unha estrela moi importante para os exipcios, xa que no Antigo Exipto axudou a facer o calendario desa civilización, e a súa posición no ceo marcaba o inicio do ano do seu calendario.
Unha busca rápida por internet levaravos dunha historia a outra nun bucle sen fin. Ao que se conta nos enlaces xa postos engadimos un último, este. Moitas historias e de moitos tipos. Desfrutádeas.
One thought on “Sirio”