O mércores 19 de abril voltamos á ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) para celebrar a III Edición de Arquitectura con luz propia entre as 18h30 e as 21h30.
Imaxes da III Edición de Arquitectura con luz propia. Fotografía: AXPerspectivas
Nesta edición, contamos con:
- Daniel Ríos Meizoso (C.T Calidade do Ceo Nocturno). Nos introduciu na problemática da contaminación luminosa en Galicia e presentou o Mapa do brillo do Ceo que estamos a elaborar dende a nosa asociación.
- Lucía Girádez Costas (C.T Calidade do Ceo Nocturno). Presentou o fío de contidos da III Edición de Arquitectura con luz propia.
- Marco V. Quintela García e César González García (Rede Consilencia). Marco e César nos descubriron o apaixoante mundo da arqueoastronomía vencellada coa chamada “astronomía cultural” nunha charla sobre “fenómenos astronómicos que configuran espazos arquitectónicos e constrúen ideas”. Presentaron “Lume na Auga”, un proxecto de investigación e posta en valor dos recursos arqueoastronómicos de Galicia.
- Salvador X. Bará Viñas (Profesor da Área de Óptica, Universidade de Santiago de Compostela). Salva fixo unha revisión xeral da problemática da contaminación luminosa dende o punto de vista da planificación urbana, na charla “tendencias e retos actuais nas instalacións lumínicas dos territorios”.
- Óscar Blanco Varela (Trevinca Skies). Como acción para a protección da noite e o seu aproveitamento económico, en Galicia certificáronse xa dous territorios como Destinos Turísticos Starlight. Óscar Blanco, promotor do Destino Starlight Trevinca, e nos falou do proxecto pioneiro en Galicia en turismo astronómico, Trevinca Skies.
Arquitectura con luz propia quere ser un lugar onde os arquitectos profesionais e en formación podan discutir e aprender sobre o que se empeza a chamar cultura da luz e sobre a responsabilidade para con ela, que sen dúbida, constitúe un tema non o suficientemente debatido nin estimado.
Son moitos os expertos que coinciden en indicar que o uso da luz asociado ao significado de progreso e riqueza tivo moito que ver no aumento incontrolado da contaminación luminosa.
Ademáis, en tempo de crise, é a luz mal instalada que dilapida cartos a primeira en ser sacrificada. Cambiar esta visión e darlle á luz un valor que trascenda o económico empeza a ser un dos obxectivos de moitos expertos en luz e contaminación luminosa.
A actividade que Calidade do Ceo e Asociación Xuvenil Perspectivas propoñen, quere facer fincapé no dito no apartado anterior e acercar á comunidade da Arquitectura os recursos e os problemas que existen na actualidade para alumar de forma correcta, así como a importancia de facelo alén estética.
A actividade quere fomentar o desenvolvemento dunha cultura da luz responsable coa natureza, a sociedade e coa paisaxe na que vivimos.
