Medidas de brillo do ceo en Trellerma, Toén (Ourense) (17-23/01/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Desta volta o SQM viaxou ao interior de Galicia e tocoulle a Toén, en Ourense, concretamente ao lugar de Trellerma, grazas a un colaborador do noso colectivo. A uns pouco quilómetros ao oeste da cidade de Ourense e ao sur do río Miño atopamos un ceo algo máis brillante do esperado, pero con pouca contaminación luminosa en xeral.  Curiosamente e a pesar de medir en noites principalmente despexadas non se chega ás 20 magnitudes e as poucas veces que si se obteñen estas medidas son durante intervalos nubosos. É dicir, con nubes o ceo é máis escuro, comportamento de ceos sen contaminación luminosa (se a houbese esta reflectaríase nas nubes). En defintiva Trellerma é un lugar con escasa contaminación luminosa como se observa nas seguintes gráficas.

Medidas de brillo de ceo en San Adrián de Cobres, Vilaboa (Pontevedra) (19-22/12/2017).

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

San Adrián de Cobres está no concello de Vilaboa, na costa norte da Ría de Vigo na enseada da Illa de San Simón, a carón da Ponte de Rande. Pola beira do mar trascorre a estrada N-554, arranxada non hai moitos anos. O punto onde se mediu está na beira desta estrada, preto do porto deportivo de San Adrián de Cobres e ao lado dun campo de fútbol.

As noites nas que se mediron foron pouco anubradas en termos xerais e os resultados foron mellor do esperado. Nin sequera a proximidade da Ponte de Rande que conta xa con LEDs brancos de considerable potencia parece estropear o ceo desta zona que ocupa un lugar privilexiado na Ría de Vigo.

Nas gráficas pódese comprobar como o ceo escurece co paso da noite en parte pola posta da Lúa e máis polo cese da actividade humana. Nás gráficas dos días 20 e 22 vense un par de horas con medidas de entre 18 e 18,5 magnitudes que moi probablemente se explican polas luces do campo de fútbol, é dicir, moita luz da que se usa no campo non cumple a función de iluminar o terreo de xogo e vai directamente ao ceo.

 

Medidas en Broullón, Moaña (22-27/11/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Broullón está en Moaña, Pontevedra, na estrada que une este municipio con Marín, xa do lado da Ría de Pontevedra. Queda ao carón do Corredor do Morrazo e aí estreamos o novo SQM que mercamos recentemente. Os resultados son bos. A pesar de haber lúa hai moitas medidas feitas sen a súa presenza. As primeiras noites, con nubes, o brillo do ceo é considerable (17-18 magnitudes), pero as últimas, despexadas, tomáronse medidas de máis de 19,5 magnitudes. Non son malos resultados para un lugar que se atopa fronte a Vigo e non moi lonxe do centro da vila de Moaña. Seguramente a altura á que se atopa este lugar axuda a obter unhas medidas que mostran un ceo pouco contaminado. Aínda que o aumento de brillo con nubes significa que a contorna si está moi contaminada, xa que o brillo de lugares moi contaminantes, como Vigo e probablemente Cangas e o propio centro de Moaña chega ata este lugar reflectido nelas.

Había pouca luz? Xa está o Nadal aquí!

Polo de agora as luces de Nadal aínda chegan máis tarde que a Lotería, pero a este ritmo a saber…

O encendido das luces de Nadal é toda unha festa en xeral e, en particular, en Vigo foi todo un acontecemento, como cada cousa que ten lugar na cidade dende que está Abel Caballero de alcalde. Non hai nada malo nisto, o problema é a mensaxe que se dá facendo unha festa de cousas que non son para nada boas: aínda queda aun mes para Nadal! Pero haberá que comezar polo principio:

En Vigo existe unha rotonda cunha pantalla LED circular con non pouca potencia. Entre outros usos é unha pantalla de publicidade pero tamén de cine ao aire libre. A luz que emite esta pantalla chega ata varias alturas dos edificios veciños, pero a ninguén parece importarlle.

pantalla_vigo_rotonda
Rotonda na rúa Rosalía de Castro de Vigo. Fotografía: Faro de Vigo.

Xa houbo hai tempo problemas noutra zona da cidade por pantallas de publicidade excesivamente potentes, pero aínda queda moito para que se escoiten estas queixas.

Dende hai un tempo na cidade estanse a mudar as luces das rúas do centro. A verdade é que a corrección da dirección das luces é moi correcta, pero no así da cor, como non podería ser doutro xeito estanse a instalar luces LED brancas que nalgúns sitios chegan a cegar e que non son nada boas como xa dixemos en varias ocasións. Ademais de xenerar grandes contrastes moi incómodos.

vigo
Esquerda: nova iluminación na rúa García Barbón. Dereita: a antiga en Rosalía de Castro. Vigo.

Os cambios continúan e está previsto facer obras no barrio de Coia onde se substituirán os volcáns da Avda. de Castelao por unha fervenza de auga e… luces. Tamén Teis, na entrada do Barrio das Flores vaise facer unha nova praza na que se va a instalar nova iluminación, como se a actual non fose suficiente.

E chegou novembro e empezan os praparativos de Nadal e en Vigo comezan a aparecer bólas xigantes de luces e unha árbore que cada ano ten máis altura e, polo tanto, máis luces. O peor de todo é que seguimos vendendo a luz, o exceso de luz, como calidade de vida e riqueza, e xa non é que unha luz sexa un voto, é que agora as lucen véndense do mesmos xeito que se vendeu no seu día a Cidade da Cultura de Galicia ou a estación do AVE de tren de Vigo, que estaban e están ben só porque foron deseñadas por arquitectos de fama mundial, pois o mesmo as luces: Vigo ten as mesmas luces que Nova Iorque.

Poderá pensar alguén que estamos defendendo que non haxa luces de Nadal. Nada máis lonxe da realidade. Galicia, e España, está nunha seca sen precedentes (non imos falar da multitude de fontes que hai nas cidades porque non é o noso obxectivo, pero non quere dicir que non nos preocupe), o cambio climático é indiscutible e a mesma cidade que está pedindo aforrar auga, que está implorando porque chova, presume de ter cada ano máis luces de Nadal que aumentan o consumo eléctrico e, polo tanto, a emisión de contaminantes á atmosfera. É urxente racionalizar o consumo eléctrico por este tipo de iluminacións que nin son necesarias durante un mes nin son necesarias nas cantidades que se instalan. Xa non se trata de que as luces de Nadal se espallan en todas direccións sen control, que se instalan porque son estimulantes (demostración de que a luz non é inocua) ou que impidan o noso dereito a gozar da noite como o que é, noite. Falamos de malgasto enerxético e de aumento de produción de enerxía con todas as súas consecuencias.

 

Melatonina

Cando falamos de contaminación luminosa e seres vivos, incluida a saúde dos seres humanos, nombramos moito á melatonina, que é unha hormona que o noso corpo segrega cando non recibimos luz. Aquí unha explicación moi breve do que é este composto.

Esta hormona é responsable de regular e controlar moitos procesos biolóxicos do noso organismo, ademais de que é a encargada de sincronizar o noso reloxo interno. Por exemplo, nalgúns mamíferos a melatonina influe no inicio e fin do período de reprodución, no inicio da hibernación e outras actividades estacionais. Por suposto grazas á melatonina o corpo sabe que é de noite e prepárase para durmir e a ausencia mantén aos nosos sentidos en alerta e atentos para facer os nosos labores diurnos.

melatonina-mecanismo
A luz provoca a secreción de melatonina que se transporta por todo o corpo sincronizando as nosas funcións biolóxicas co ciclo día-noite. Fonte da imaxe.

En estudos recentes demostrouse que a melatonina é capaz de influír na ralentización da evolución de certo tipo de cancros e, incluso, parece que o defecto de melatonina no organismo durante longos períodos de tempo ten consecuencias sobre todo nos cancros de mama e próstata.

A secreción de melatonina non se produce cando un ser vivo está exposto a luz similar á do sol, que ten moito de luz azul e pouco de vermella e outras cores (rangos espectrais é o termo máis técnico) e se produce na ausencia de luz con compoñente azul. Polo tanto, permanecer de día en lugares pechados iluminados con luz artificial sen compoñente azul envía unha mensaxe ao organismo de que non é de día ou de que estamos próximos á noite, mentres que permanecer exposto á luz durante a noite fai entender ao noso corpo que non toca durmir. Ámblas dúas situacións teñen efectos perxudiciais para o noso organismo e no estado de ánimo.

VI Workshop CMON (2 decembro 2017)

O vindeiro sábado 2 de decembro estaremos novamente na reunión de astrónomos galegos organizada polo Clube de Astronomía Vega na residencia Monte da Condesa en Santiago. A continuación toda a programación:

[10:45] Presentación do VI Workshop CMON.

[11:00] Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío)
Título: “Cinema e astronomía”
Resumen: Máis alá da ciencia ficción e “space-operas”, son moitos os fíos dos que tirar para falar de cinema e astronomía.
Para empezar, o propio invento do cinematógrafo é fillo dun tránsito de Venus…

[11:30] Paula Neira Placer (Secretaria de la Agrupación Astronómica Ío)
Título: “¡Hola! ¡Estamos aquí!, XOXOXXXXOXXOXOX; o cómo comunicar desde asociaciones astronómicas”
Resumen: En esta charla se abordará el proceso que ha de seguir una asociación astronómica para poder comunicarse
con su entorno de una manera eficaz. Se hará referencia a algunas soluciones comunicativas que permiten
alcanzar los objetivos y audiencia más habituales de las asociaciones astronómicas.

[12:00] Víctor Tilve Rúa (Colectivo Calidade do Ceo Nocturno)
Título: “Contaminación luminosa: cada vez máis información, pero non menos contaminación”
Resumen: Escolma de temas relacionados coa contaminación luminosa: instrumentos e resultados de medicións,
traballos e bibliografía recentes, últimas novas sobre Calidade do Ceo Nocturno e outras cuestións.

[12:30] Descanso

[13:00] Jorge Gómez Crespo, José Ángel Docobo Durántez (Observatorio Ramón María Aller, USC)
Título: “Interferometría speckle de binarias no Byurakan Astrophysical Observatory”
Resumen: Descríbense  os resultados das campañas de observación de binarias realizadas no BAO (Armenia)
mediante o uso da cámara EMCCD do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC acoplada ao telescopio
de 2.6m de dito Observatorio.

[13:30] José Ángel Docobo Durántez, Pedro Pablo Campo Díaz (Observatorio Ramón María Aller, USC)
Título: “Cálculo preciso de masas estelares e paralaxes a partires das órbitas de  binarias espectro-interferométricas”
Resumen: O desdobramento de binarias espectroscópicas de dobre liña mediante técnicas de alta resolución
coma a interferometría speckle permite, a través das súas órbitas, diseñar un procedemento  para obter
simultaneamente valores precisos tanto das masas individuais coma das paralaxes.

[14:00] Comida

[16:00] Hugo González, Luis Pérez, Ramón Iglesias
Título: “Observando ocultacións”
Resumen: O porqué e o cómo da observación de ocultacións. O grupo de observación de ocultacións que hai
establecido en Galicia. O que se está a facer: resultados positivos e negativos.

[16:30] Carmen Castro (Clube Vega)
Título: “Eclipse en familia”
Resumen: Actividad divulgativa duante el eclipse de Marzo de 2015. Disfrutando de la Astronomía con
los niños también durante el dia. ¿Qué hacer y que no hacer durante el eclipse?

[17:00] X. Dosi Veiga
Título: “Ceos Galegos – Calendario astrónimo 2018”
Resumen: Ceos Galegos é un produto comercial no que facemos divulgación científica so través
dun produto de consumo popular. No caso de que funcione, transformaremos o proxecto nun vehículo
viable e autosustentable para a comunicación social da ciencia. A edición deste ano foi posible
porque en Galicia temos fotógrafos do ceo que fan un traballo espectacular.

[17:30] Descanso

[18:00] José R. Gago
Título: “Scienceffect Space Program”
Resumen: Crónica del diseño y construcción de diferentes cohetes y simuladores aeroespaciales de forma
artesanal. La importancia de entender leyes físicas básicas y el espíritu de la carrera espacial.

[18:30] Ramón Iglesias Marzoa (CEFCA, ULL, Clube Vega)
Título: “A caracterización de Haumea mediante unha ocultación estelar”
Resumen: A técnica das ocultacións estelares permite obter información moi valiosa sobre obxetos do sistema solar.
Unha ocultación de Haumea, observada mediante unha colaboración pro-am, permite descubrir o tamaño real
de Haumea e o seu sistema de anéis.

[19:00] Oscar Blanco (Trevinca Skies)
Título: “Observatorios robotizados en Galicia. Una realidad”
Resumen: La provincia de Ourense contará en cuestión de meses con dos observatorios astronómicos que permitirán el trabajo en remoto y robotizado. Las posibilidades, proyectos y colaboraciones posibles son ahora un nuevo aliciente para la astronomía en Galicia. Trevinca Skies está detrás de estos dos proyectos y nos lo contarán de primera mano.

[19:30] Salva Bará (Facultade de Óptica, USC)
Título: “Avisos varios”

[19:45] REMATE

Contaminación luminosa: tomemos medidas! (Pontevedra) – 08/09/2017

O venres 8 de setembro estaremos na Casa da Luz de Pontevedra colaborando nunha actividade organizada pola Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra que nace tralo obradoiro que fixemos na Escola Oficial de Idiomas de Vigo onde acudiron membros de Sirio. Dende este obradoiro as colaboracións entre Sirio e nós tiveron un forte repunte que culminan nesta actividade.

Será unha das actividades abertas ao público máis completas feitas sobre contaminación luminosa na nosa comunidade xa que nela participaremos diferentes asociacións e utilizaremos diferentes ferramentas e estratexias de divulgación que non sempre temos ocasión de xuntar: obradoiro, roteiro, exposición, documental e observación astronómica. Por suposto a participación dos asistentes será imprescindible e potenciada.

Cartel Contaminación Luminosa 8 setembro 2017 Pontevedra 2

 

Luces e sons de Aquis 2017 (Bande, Ourense)

Este sábado 12 de agosto organizamos xunto co Concello de Bande outra edición de Luces e sons de Aquis. O ano pasado fixemos nunha soa xornada actividades para adultos e nenos relacionadas con contaminación luminosa e unha observación astronómica. Este ano por problemas de axenda dividimos a actividade en dous e comezamos pola observación que, como o ano pasado, será conducida por Pablo Martínez, que aproveitará o lugar para falar de arqueoloxía e da súa relación co ceo.

Estamos a traballar para facer actividades durante o día para o mes de setembro, do que informaremos cando pechemos datas.

2017_08_luces_e_sons

Medidas en Ames (26-29/12/2016) e Pontevedra (26-29/06/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

As medidas publicadas hoxe de Ames, concretamente en Castelo, levan tempo feitas e estudadas, pero quedaron pendentes de publicación sen nos decatar. Estas completan outras medidas feitas antes e publicadas o ano pasado: Medidas do brillo do ceo en Ames (17 a 23/10/2016)

Confirmamos pois que o ceo nocturno en Castelo ten moi boa calidade cando está despexado.

Pola contra, noutras medidas feitas en Pontevedra (máis medidas en Medidas do brillo do ceo en Pontevedra (18-25/06/2017)), no espazo de coworking Arroelo, confirmamos que a cidade sofre moita contaminación luminosa, sobre todo nas noites nubradas nas que a luz reflicte nas nubes. A pesar de medir dende un lugar no que parte do horizonte estaba tapado polo edificio onde se instalou o SQM hai medidas sen Lúa de ata 16 magnitudes, o que é moito brillo.