Había pouca luz? Xa está o Nadal aquí!

Polo de agora as luces de Nadal aínda chegan máis tarde que a Lotería, pero a este ritmo a saber…

O encendido das luces de Nadal é toda unha festa en xeral e, en particular, en Vigo foi todo un acontecemento, como cada cousa que ten lugar na cidade dende que está Abel Caballero de alcalde. Non hai nada malo nisto, o problema é a mensaxe que se dá facendo unha festa de cousas que non son para nada boas: aínda queda aun mes para Nadal! Pero haberá que comezar polo principio:

En Vigo existe unha rotonda cunha pantalla LED circular con non pouca potencia. Entre outros usos é unha pantalla de publicidade pero tamén de cine ao aire libre. A luz que emite esta pantalla chega ata varias alturas dos edificios veciños, pero a ninguén parece importarlle.

pantalla_vigo_rotonda
Rotonda na rúa Rosalía de Castro de Vigo. Fotografía: Faro de Vigo.

Xa houbo hai tempo problemas noutra zona da cidade por pantallas de publicidade excesivamente potentes, pero aínda queda moito para que se escoiten estas queixas.

Dende hai un tempo na cidade estanse a mudar as luces das rúas do centro. A verdade é que a corrección da dirección das luces é moi correcta, pero no así da cor, como non podería ser doutro xeito estanse a instalar luces LED brancas que nalgúns sitios chegan a cegar e que non son nada boas como xa dixemos en varias ocasións. Ademais de xenerar grandes contrastes moi incómodos.

vigo
Esquerda: nova iluminación na rúa García Barbón. Dereita: a antiga en Rosalía de Castro. Vigo.

Os cambios continúan e está previsto facer obras no barrio de Coia onde se substituirán os volcáns da Avda. de Castelao por unha fervenza de auga e… luces. Tamén Teis, na entrada do Barrio das Flores vaise facer unha nova praza na que se va a instalar nova iluminación, como se a actual non fose suficiente.

E chegou novembro e empezan os praparativos de Nadal e en Vigo comezan a aparecer bólas xigantes de luces e unha árbore que cada ano ten máis altura e, polo tanto, máis luces. O peor de todo é que seguimos vendendo a luz, o exceso de luz, como calidade de vida e riqueza, e xa non é que unha luz sexa un voto, é que agora as lucen véndense do mesmos xeito que se vendeu no seu día a Cidade da Cultura de Galicia ou a estación do AVE de tren de Vigo, que estaban e están ben só porque foron deseñadas por arquitectos de fama mundial, pois o mesmo as luces: Vigo ten as mesmas luces que Nova Iorque.

Poderá pensar alguén que estamos defendendo que non haxa luces de Nadal. Nada máis lonxe da realidade. Galicia, e España, está nunha seca sen precedentes (non imos falar da multitude de fontes que hai nas cidades porque non é o noso obxectivo, pero non quere dicir que non nos preocupe), o cambio climático é indiscutible e a mesma cidade que está pedindo aforrar auga, que está implorando porque chova, presume de ter cada ano máis luces de Nadal que aumentan o consumo eléctrico e, polo tanto, a emisión de contaminantes á atmosfera. É urxente racionalizar o consumo eléctrico por este tipo de iluminacións que nin son necesarias durante un mes nin son necesarias nas cantidades que se instalan. Xa non se trata de que as luces de Nadal se espallan en todas direccións sen control, que se instalan porque son estimulantes (demostración de que a luz non é inocua) ou que impidan o noso dereito a gozar da noite como o que é, noite. Falamos de malgasto enerxético e de aumento de produción de enerxía con todas as súas consecuencias.

 

Arquitectura con luz propia (II edición)

English

Español

Máis info

Actividade anunciada en:

O 28 de abril de 2015 ás 17:30 comezará na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) do Campus de Zapateira a segunda edición da actividade de Arquitectura con luz propia (aquí info sobre a primeira). As ponencias terán lugar no Salón de Actos, na planta 0 de acceso.

O programa xa é definitivo:

05_CARTEL_DEF_

  • Roberto Hermida representando a Asociación Drosera. Roberto é doutor en Bioloxía e traballa en proxectos de conservación de morcegos dentro do programa Morcegos de Galicia, que aglutina todas as iniciativas de conservación, divulgación e sensibilización que realiza a asociación sobre os morcegos.
  • Miguel Ángel Rodríguez, director dende 2006 de Intervento, empresa fundada en 1993 adicada a museografía e iluminación. É licenciado en Física pola Universidade Complutense de Madrid e especializouse en iluminación realizando un posgrao na Politécnica de Catalunya e outro na ETSAM. Conta cun extenso currículo de proxectos de iluminación e é profesor da ETSAM e da Universidade de Alcalá de Henares.
  • Víctor Tilve. Membro de Calidade do Ceo, doutorando en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e membro da Rede Española de Estudos sobre  Contaminación Lumínica.
  • César Portela. Arquitecto galego que participou no comité científico da Declaración Starlight. Non está asegurada a súa presenza, pero si unha ponencia súa (gravada ou lida).
  • Sergio París representando á Sociedade Galega de Ornitoloxía. Enxeñeiro técnico forestal, desenvolve o seu labor profesional no campo da consultoría ambiental e evaluación de impacto ambiental de proxectos. Secretario da SGO e coordinador nesta asociación de diversos programas de seguemento de aves. A SGO unifica dende 1999 os labores de conservación de aves en Galicia e coordina a celebración de diferentes proxectos e congresos, como a realización do Anuario de Aves de Galicia e o Congreso Galego de Ornitoloxía, de periodicidade trienal.
  • Martin Pawley, membro da Xunta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, asiste en representación da mesma. Martin Pawley, de profesión crítico, programador e productor de cinema, foi un dos organizadores da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña (2007-2011), coautor dunha “Guía do ceo” editada en 2009 pola editorial Le Pourquoi Pas e colabora dende hai anos no programa dirixido por Manuel Vicente “Efervescencia” da Radio Galega. A agrupación, fundada en 2002 participa anualmente na Hora del Planeta e na Semana da Ciencia de Coruña, ademais de pertencer á Federación de Asociaciones Astronómicas de España e a Cel Fosc, asociación contra a contaminación lumínica.