Exposición ata o 5 de abril e charla máis roteiro o 3 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello de Vigo

A exposición sobre contaminación luminosa dos colegas de Agrupación Astronómica Ío da Coruña que estivo semanas atrás no instituto Castelao de Vigo e na Escola Oficial de Idiomas da mesma cidade continua o percorrido pola cidade olívica e está agora e ata o día 5 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello, moi preto da Colexiata.

Como culminación da exposición organizamos xunto coa Asociación Astronómica Rías Baixas unha charla sobre contaminación luminosa e astronomía no mesmo centro de visitantes o martes 3 de abril ás 19.00h. Ao final da charla haberá un roteiro polo Casco Vello para poñer en práctica os aspectos críticos da iluminación artificial tratados durante a actividade.

I Xornadas de Astroturismo en Andalucía. 2014

Entre o 28 e o 30 de abril do presente ano, tiveron lugar no Parque das Ciencias de Granada, as I Xornadas de Astroturismo de Andalucía. Este evento naceu do compromiso de diferentes organizacións (Junta de Andalucía, Observatorio Astronómico Hispano-Alemán de Calar Alto e Fundación Desqubre) coa protección do ceo nocturno e a aposta firme polo desenvolvemento dun novo tipo de turismo sostible e comprometido co medio ambiente.

IMG_20140428_230953
Juan Pinilla (Charla-concerto sobre a influencia da astronomía no flamenco)

Unha pequena representación de nós asistiu ás xornadas para coñecer os avances que se están dando fóra de Galicia na loita contra a poblemática da Contaminación Lumínica e o desenvolvemento de actividades que poñen en valor a observación do ceo nocturno. Así, e logo de tres días intensivos de poñencias e mesas moderadas, coma impresión xeral do evento, temos que dicir que a organización foi impecable, os temas tratados moi axustados ao obxectivo e as intervencións dos poñentes dunha calidade moi alta.

Se tiveramos que destacar algunha poñencia, sen dúbida mencionaríamos a Alfons G. Dolsa, entomólogo e profesor do Museu de les Papallones (Sort, Cataluña); quen nos fixo reflexionar sobre o impacto da C.L nos ecosistemas a partir de frases coma: “Las estrellas están todas y con la misma magnitud. Pero la diversidad perdida ya no se recupera” ou “También  hay multitud de organismos que están adaptados a la oscuridad, que vamos perdiendo a cada luz que añadimos“.

No que se refire ao ámbito do turismo gustaríanos recoller neste artigo as presentacións da experiencia en Sierra Morena e do Plan de Turismo Astronómico de Alqueva en Alentejo. No primeiro caso, o xerente do Plan Turístico falou da certificación dos seus ceos e da integración deste recurso natural recuperado, na oferta turística sustentable do destino; así, posúen a doble certificación de reserva e destino Starlight. O que máis valoramos desta iniciativa, sen dúbida é o gran traballo de coordinación e cooperación que se levou a cabo entre administración pública autonómica, provincial e local, empresas privadas e asociacións astronómicas para conseguir construir un destino turístico sustentable e de calidade, no que se poden desfrutar de ceos realmente estrelados. Dende logo, todo un exemplo a seguir.DSC_0764 (1)

No caso do Plan de Turismo Astronómico de Alqueva no Alentejo, Apolónia Rodrígues presentounos o que é a primeira reserva Satrlight en Portugal e o Plan para a posta en valor dos ceos, “Dark Sky Alqueva”. Novamente nos atopamos ante unha importante labor de coordinación e colaboración entre diferentes entidades; máis o que ante nos gustaría valorar, é a integración do recurso do ceo escuro, nunha oferta ecoturística moi completa da que participan dende aloxamentos rurais, restaurantes, productores locais, asociacións e empresas oferta complementaria e que foi preparada para asumir o novo recurso mediante unha campaña de formación para atender ao novo tipo de visitante que viaxaría ao destino.

En definitiva e xa para rematar o artigo sobre estas xornadas, concluímos destacando a importancia da conservación dos nosos ceos, xa que é unha estratexia moi intelixente no que a xestión dun territorio se refire; tanto pola eficiencia enerxética, pola competitividade e sustentabilidade dos destinos turísticos ,pola saúde dos seus habitantes e coma pola conservación da súa natureza.