O 30 de xullo de 2016 estaremos en Porto Quintela, Bande (Ourense).
Adicaremos este sábado a facer actividades para todas as idades nas que traballaremos con xogos e obradoiros as causas e consecuencias da contaminación luminosa así como diferentes conceptos de astronomía no centro de interpretación Aquae Querquennae.
Tras un descanso para cear poderase desfrutar en directo do grupo de música tradicional Ghaveta.
Por último, aproveitaremos este contorno natural máxico e cargado de historia para facer unha observación astronómica na que poderemos desfrutar das marabillas dos corpos celestes.
O xoves 19 de maio de 2016 visitamos o colexio vigués Labor para falar sobre contaminación luminosa con rapaces de 1º da ESO. Esta foi unha visita especial xa que é a nosa primeira actividade na provincia de Pontevedra.
A experiencia para nós foi, novamente, moi positiva. Todos os asistentes foron moi participativos, estiveron moi atentos ao que contamos e ademais fixeron preguntas moi interesantes.
Para o recordo quedan as seguintes fotos. Esperamos volver pronto e que eles o pasaran tan ben coma nós.
Tras compartir en Facebook a foto de Starlight Initiative onde se ven os diferentes destinos turísticos Starlight, comprobamos que hai certa confusión entre as calificacións de destino turístico e reservas Starlight.
Na propia páxina da fundación está todo explicado, pero dado que nos últimos meses engadíronse dous destinos turísticos galegos á lista queremos deixalo claro aquí. O Parque marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e Pena Trevinca non son reservas Starlight.
Resumindo: os criterios para ser reserva son máis esixentes.
Polo miúdo: na seguinte táboa vemos as diferenzas no tocante aos criterios de calidade do ceo, todos eles moi relacionados con actividades astronómicas:
Nos destinos turísticos evalúase, ademais dos parámetros anteriores, os seguintes:
Misión, valores e obxectivos.
Compromiso e gobernanza do destino.
Estratexia, plan de acción e sistema de información.
Conservación do patrimonio cultural e natural asociado.
Atractivos, servizos e infraestruturas turísticas.
Xestión do coñecemento, formación e divulgación.
Control, xestión e seguimento do programa e do destino turístico Starlight.
No caso das reservas Starlight establécense categorías segundo o terreo de aplicación e as propiedades da zona: sitios patrimonio, sitios de observación astronómica, sitios naturales, paisaxes das estrelas, oasis Starlight e sitios mixtos.
As reservas Starlight requiren dunha zonificación onde se establecen diferentes graos de protección do ceo escuro e estrelado, chegando a esixir a preservación intacta das condicións de luz natural e nitidez do ceo nocturno.
Estes dous procesos teñen dous obxectivos claros: turismos sostible e conservación do medio ambiente. Ambos queren protexer a escuridade natural establecendo criterios e procedementos para que a incidencia humana sexa a xusta e necesaria (destinos turísticos) e para que a paisaxe nocturna non perda o seu esplendor (reservas).
O sábado 12 de decembro de 2015 recibiremos, chegada de Cataluña, a Anna Amécija, autora do conto para nenos Onde estás, Andrómeda? no que se trata o problema da contaminación luminosa.
O conto é unha bonita iniciativa coa que se pretende que rapaces aprendan a valorar o que se esconde detrás da iluminación ineficiente.
Anna non só trae consigo contos e material didáctico co que traballar, senón que estará cos nenos e nenas asistentes xogando e traballando de maneira divertida as causas e consecuencias da contaminación luminosa, así como a maneira de evitala.
Un bo plan de sábado pola tarde, totalmente gratuíto, no Centro Sociocultural Xuvenil Municipal O Ensanche de Santiago. Esperámoste ás 17:30 na rúa Frei Rosendo Salvado, 14/16.
Todo o material que se vai presentar ten versión galega e non só é interesante para pais e nais, tamén para mestres que queiran traballar un tema actual e de crecente interese na aula. Na seguintes ligazóns podedes atopar información sobre todo o que rodea a esta inciativa:
A continuación mostramos o resumo que enviamos ao comité científico do congreso ‘Contaminación lumínica: unha nova fronteira’ e que foi aceptado para participar cunha comunicación oral. Temos participado de maneira individual en diferentes congresos, tanto como público como con comunicacións en formato póster ou oral, pero sempre polo noso traballo de investigación. Por primeira vez imos participar polo noso traballo como divulgadores. Temos moitas ganas de que chegue o día da estrea.
Calidade do Ceo Nocturno é un grupo multidisciplinar galego de loita contra a contaminación lumínica formado por unha estudante de dereito, unha historiadora da arte e un matemático que nace no seo da Oficina de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago de Compostela no curso académico 2010-2011. Dende entón, o grupo realizou diferentes actividades na Universidade de Santiago de Compostela, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e no instituto Ramón Otero Pedrayo de A Coruña. Ademais de realizar un labor divulgativo máis constante nas redes sociais e no blogue calidadedoceo.wordpress.com.
Desde que o colectivo Calidade do Ceo Nocturno botou a andar, sucédense as colaboracións con empresas privadas, universidades, investigadores e asociacións de diferentes campos, cos que se organizan actividades rigorosas cientificamente, pero aptas para tódolos públicos e sempre de balde.
O grupo Calidade do Ceo Nocturno céntrase en tres obxectivos: 1) que as conclusións e os datos científicos cheguen nunha linguaxe clara e concisa a tódolos niveis da sociedade para que sexa esta a que promova cambios concretos e efectivos, 2) que os profesionais e especialistas en contaminación lumínica, e as súas mensaxes, non se promulguen só en foros científicos, 3) crear lazos e unir esforzos con grupos locais de distintas disciplinas interesados na loita contra a contaminación lumínica.
Nesta comunicación queremos compartir nosa experiencia cos asistentes e mostrar nosa maneira colaborativa, multidisciplinar e participativa de divulgación.
O 28 de abril de 2015 ás 17:30 comezará na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) do Campus de Zapateira a segunda edición da actividade de Arquitectura con luz propia (aquí info sobre a primeira). As ponencias terán lugar no Salón de Actos, na planta 0 de acceso.
O programa xa é definitivo:
Roberto Hermida representando a Asociación Drosera. Roberto é doutor en Bioloxía e traballa en proxectos de conservación de morcegos dentro do programa Morcegos de Galicia, que aglutina todas as iniciativas de conservación, divulgación e sensibilización que realiza a asociación sobre os morcegos.
Miguel Ángel Rodríguez, director dende 2006 de Intervento, empresa fundada en 1993 adicada a museografía e iluminación. É licenciado en Física pola Universidade Complutense de Madrid e especializouse en iluminación realizando un posgrao na Politécnica de Catalunya e outro na ETSAM. Conta cun extenso currículo de proxectos de iluminación e é profesor da ETSAM e da Universidade de Alcalá de Henares.
César Portela. Arquitecto galego que participou no comité científico da Declaración Starlight. Non está asegurada a súa presenza, pero si unha ponencia súa (gravada ou lida).
Sergio París representando á Sociedade Galega de Ornitoloxía. Enxeñeiro técnico forestal, desenvolve o seu labor profesional no campo da consultoría ambiental e evaluación de impacto ambiental de proxectos. Secretario da SGO e coordinador nesta asociación de diversos programas de seguemento de aves. A SGO unifica dende 1999 os labores de conservación de aves en Galicia e coordina a celebración de diferentes proxectos e congresos, como a realización do Anuario de Aves de Galicia e o Congreso Galego de Ornitoloxía, de periodicidade trienal.
Martin Pawley, membro da Xunta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, asiste en representación da mesma. Martin Pawley, de profesión crítico, programador e productor de cinema, foi un dos organizadores da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña (2007-2011), coautor dunha “Guía do ceo” editada en 2009 pola editorial Le Pourquoi Pas e colabora dende hai anos no programa dirixido por Manuel Vicente “Efervescencia” da Radio Galega. A agrupación, fundada en 2002 participa anualmente na Hora del Planeta e na Semana da Ciencia de Coruña, ademais de pertencer á Federación de Asociaciones Astronómicas de España e a Cel Fosc, asociación contra a contaminación lumínica.
Proximamente mercaremos os seguintes libros que tratan sobre a contaminación lumínica. Se algún dos nosos lectores xa leu algún agradeceriamos que comentase algo sobre o libro.
Insistimos sempre que a contaminación lumínica afecta a máis cousas que a astronomía. Tamén insistimos que a astronomía é para nós unha ferramenta para descubrir e coñecer este problema.
Neste artigo recollense algúns dos problemas que a contaminación lumínica causa en seres vivos: