Actividade na EOI de Vigo e en liña o 13-09-2021

O vindeiro luns 13 de setembro estaremos ás 11:00 na aula 10 da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e tamén por videoconferencia. Por favor, para participar escribide a calidadedoceo@gmail.com indicando a modalidade de asistencia. Coma sempre, esta actividade faise coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística da EOI-Vigo e tamén coa participación de Cel Fosc, asociación contra la contaminación lumínica e IDA (International Dark Sky Association).

A actividade consistirá en presentar as causas e consecuencias da contaminación luminosa, falaremos por suposto das luces de Nadal de Vigo, dos cambios de iluminación a LED na iluminación pública e aprenderemos tamén a ler e interpretar medidas de brillo do ceo para ter capacidade crítica sobre este asunto.

Medidas do brillo do ceo no IES Castelao de Vigo (07-20/02/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Mentres un dos SQM está polo interior de Galicia o outro anda pola costa. O IES Castelao de Vigo prestou as súas instalacións para instalar o SQM e medir o brillo do ceo nocturno e tamén para falar sobre contaminación luminosa aos mozos de 1º de Bacharelato.

Este instituto atópase nunha zona alta de Vigo, xusto onde comezan as estradas que levan a outras zonas máis altas xa fóra do centro da cidade que son periféricas. Diante do instituto atópanse tres fontes que fan de rotondas cunha considerable iluminación artificial instalada. A iluminación da zona non é moi diferente á doutros sitios e hai unha mestura interesante das típicas luces das que se instalaban antes nas estradas con outras máis novas que teñen un bo diseño: ben direccionadas e amarelas. Mais nas grandes cidades os contaminadores son moitos e os resultados destas medidas amosan resultados interesantes: as noites con nubes o brillo é tal que se mide por debaixo de 15 magnitudes. É a primeira vez que os nosos medidores chegan a estes valores, nin na EOI, moi preto deste instituo, nin na Praza Elíptica, no centro da cidade, aínda que ao lado do monte do Castro que ten unha iluminación moi baixa, vimos ceos tan brillantes. Será interesante facer un seguimento continuo nestes lugares e comparar os resultados co fotómetro que Meteogalicia ten no porto de Vigo. ¿Estará aumentando a contaminación luminosa na cidade ou é algo puntual no lugar onde se atopa o instituto Castelao? Observando con calma a iluminación da megarrotonda que hai no cruce onde está o instituto podería ser esta a culpable de gran parte do problema. Comentar que os fotómetros usados en cada caso son diferentes e que estamos a traballar na súa calibración. As diferenzas entre lugares poden variar despois disto.

A continuación as gráficas que mostran os resultados obtidos.

 

Medidas de brillo do ceo en Trellerma, Toén (Ourense) (17-23/01/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Desta volta o SQM viaxou ao interior de Galicia e tocoulle a Toén, en Ourense, concretamente ao lugar de Trellerma, grazas a un colaborador do noso colectivo. A uns pouco quilómetros ao oeste da cidade de Ourense e ao sur do río Miño atopamos un ceo algo máis brillante do esperado, pero con pouca contaminación luminosa en xeral.  Curiosamente e a pesar de medir en noites principalmente despexadas non se chega ás 20 magnitudes e as poucas veces que si se obteñen estas medidas son durante intervalos nubosos. É dicir, con nubes o ceo é máis escuro, comportamento de ceos sen contaminación luminosa (se a houbese esta reflectaríase nas nubes). En defintiva Trellerma é un lugar con escasa contaminación luminosa como se observa nas seguintes gráficas.

Medidas de brillo de ceo en San Adrián de Cobres, Vilaboa (Pontevedra) (19-22/12/2017).

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

San Adrián de Cobres está no concello de Vilaboa, na costa norte da Ría de Vigo na enseada da Illa de San Simón, a carón da Ponte de Rande. Pola beira do mar trascorre a estrada N-554, arranxada non hai moitos anos. O punto onde se mediu está na beira desta estrada, preto do porto deportivo de San Adrián de Cobres e ao lado dun campo de fútbol.

As noites nas que se mediron foron pouco anubradas en termos xerais e os resultados foron mellor do esperado. Nin sequera a proximidade da Ponte de Rande que conta xa con LEDs brancos de considerable potencia parece estropear o ceo desta zona que ocupa un lugar privilexiado na Ría de Vigo.

Nas gráficas pódese comprobar como o ceo escurece co paso da noite en parte pola posta da Lúa e máis polo cese da actividade humana. Nás gráficas dos días 20 e 22 vense un par de horas con medidas de entre 18 e 18,5 magnitudes que moi probablemente se explican polas luces do campo de fútbol, é dicir, moita luz da que se usa no campo non cumple a función de iluminar o terreo de xogo e vai directamente ao ceo.

 

Había pouca luz? Xa está o Nadal aquí!

Polo de agora as luces de Nadal aínda chegan máis tarde que a Lotería, pero a este ritmo a saber…

O encendido das luces de Nadal é toda unha festa en xeral e, en particular, en Vigo foi todo un acontecemento, como cada cousa que ten lugar na cidade dende que está Abel Caballero de alcalde. Non hai nada malo nisto, o problema é a mensaxe que se dá facendo unha festa de cousas que non son para nada boas: aínda queda aun mes para Nadal! Pero haberá que comezar polo principio:

En Vigo existe unha rotonda cunha pantalla LED circular con non pouca potencia. Entre outros usos é unha pantalla de publicidade pero tamén de cine ao aire libre. A luz que emite esta pantalla chega ata varias alturas dos edificios veciños, pero a ninguén parece importarlle.

pantalla_vigo_rotonda
Rotonda na rúa Rosalía de Castro de Vigo. Fotografía: Faro de Vigo.

Xa houbo hai tempo problemas noutra zona da cidade por pantallas de publicidade excesivamente potentes, pero aínda queda moito para que se escoiten estas queixas.

Dende hai un tempo na cidade estanse a mudar as luces das rúas do centro. A verdade é que a corrección da dirección das luces é moi correcta, pero no así da cor, como non podería ser doutro xeito estanse a instalar luces LED brancas que nalgúns sitios chegan a cegar e que non son nada boas como xa dixemos en varias ocasións. Ademais de xenerar grandes contrastes moi incómodos.

vigo
Esquerda: nova iluminación na rúa García Barbón. Dereita: a antiga en Rosalía de Castro. Vigo.

Os cambios continúan e está previsto facer obras no barrio de Coia onde se substituirán os volcáns da Avda. de Castelao por unha fervenza de auga e… luces. Tamén Teis, na entrada do Barrio das Flores vaise facer unha nova praza na que se va a instalar nova iluminación, como se a actual non fose suficiente.

E chegou novembro e empezan os praparativos de Nadal e en Vigo comezan a aparecer bólas xigantes de luces e unha árbore que cada ano ten máis altura e, polo tanto, máis luces. O peor de todo é que seguimos vendendo a luz, o exceso de luz, como calidade de vida e riqueza, e xa non é que unha luz sexa un voto, é que agora as lucen véndense do mesmos xeito que se vendeu no seu día a Cidade da Cultura de Galicia ou a estación do AVE de tren de Vigo, que estaban e están ben só porque foron deseñadas por arquitectos de fama mundial, pois o mesmo as luces: Vigo ten as mesmas luces que Nova Iorque.

Poderá pensar alguén que estamos defendendo que non haxa luces de Nadal. Nada máis lonxe da realidade. Galicia, e España, está nunha seca sen precedentes (non imos falar da multitude de fontes que hai nas cidades porque non é o noso obxectivo, pero non quere dicir que non nos preocupe), o cambio climático é indiscutible e a mesma cidade que está pedindo aforrar auga, que está implorando porque chova, presume de ter cada ano máis luces de Nadal que aumentan o consumo eléctrico e, polo tanto, a emisión de contaminantes á atmosfera. É urxente racionalizar o consumo eléctrico por este tipo de iluminacións que nin son necesarias durante un mes nin son necesarias nas cantidades que se instalan. Xa non se trata de que as luces de Nadal se espallan en todas direccións sen control, que se instalan porque son estimulantes (demostración de que a luz non é inocua) ou que impidan o noso dereito a gozar da noite como o que é, noite. Falamos de malgasto enerxético e de aumento de produción de enerxía con todas as súas consecuencias.

 

Education on Light Pollution (proxecto internacional sobre contaminación luminosa)

Liderados polo investigador portugués Raul Lima, do Politécnico de Porto, participamos xunto co investigador da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Astronómica Coruñesa Ío nun proxecto internacional con financiamento do proxecto europeo Stars4all. O proxecto ten como obxectivo principal a instalación de fotómetros SQM en centros de ensinanza secundario en Portugal e Galicia.

A medida que desenvolvamos o proxecto informaremos polos medios habituais. Máis información en https://www.ess.ipp.pt/noticias/projeto-education-on-light-pollution 

Profundizando nas magnitudes

Varias veces falamos das magnitudes (Magnitude, Brillo do ceo nocturno), pero chegou o momento de afondar no seu significado e na súa interpretación. Este pequeno artigo é unha explicación que pretende ser curta e sinxela, se afondar en conceptos que poden ser complexos e evitando complicacións. Pero aínda así se tratan algúns temas que poden ser complicados porque non todos partimos da mesma base. Para calquerá dúbida, idea para mellorar a explicación ou outra necesidade podedes contactar con nós polos medios habituais.

Contexto histórico: Hiparco.

hipparchos_1A experiencia demostra que a simple vista o brillo aparente das estrelas non é o mesmo para todos. A primeira persoa en escalar numericamente esta diferenza foi o astrónomo grego Hiparco de Nicea no seculo II a.C., establecendo unha clasificación discreta do un 1 ao 6 en orde inverso ao brillo que el apreciaba co seu ollo. Polo tanto, ordenounas atendendo a súa magnitude visual aparente. Hiparco considerou que as estrelas dunha determinada magnitude brillaban aproximadamente a metade que as estrelas de magnitude inmediatamente inferior, catalogando como estrelas de magnitude 2 a aquelas que billaban unhas dúas veces e media menos que as que considerou de magnitude 1. É dicir, o grupo de astros de magnitude 1 eran os que el vía como máis brillantes e o grupo de magnitude 6 formábano os astros de menos brillo.

Evolución do concepto: Herschel e Fechner.

En 1830, John Herschel descubre que unha estrela de magnitude 1 é 100 veces máis brillante que outra de magnitude 6, o que se coñece como Criterio de Herschel, que pode
establecerse matematicamente como:

m = 1 -> I = 100
m’ = 6 -> I’ = 1

sendo I e I’ intensidades luminosas recibidas dun corpo celeste e m e m’ as súas magnitudes. A instensidade luminosa segue unha escala linear e un corpo cunha intensidade 100 brilla cen veces máis ca unha de intensidade 1.

En 1850 enúnciase a Lei de Fechner, unha lei psicofísica que ten como enunciado: cando os estímulos luminosos crecen en progresión xeométrica, a sensación óptica correspondente faino en progresión aritmética.

Sendo I e m a notación usada anteriormente e S a sensación luminosa, que segundo a clasificación de Hiparco aumenta cando a magnitude diminúe, a lei pode ser descrita coa seguinte táboa:

taboa
Lei de Fechner

Fórmula de Pogson.

Facendo unha serie de razoamentos matemáticos chégase ao seguinte enunciado e á fórmula de Pogson, moi importante para interpretar as medidas en magnitudes:

pogson
Fórmula de Pogson

Interpretación dun logaritmo.

Na fórmula de Pogson aparece un logaritmo, log. Olvidemos todas as demais letras e números que aparece na fórmula e pensemos simplemente que a magnitude que se mide ten un valor relacionado co logaritmo da intensidade luminosa do que se mide.  É un logaritmo en base 10, e o seu comportamente resúmese nas seguintes imaxes:

Interpretación das magnitudes.

Despois de todo o visto pódese dicir que as magnitudes teñen unha escala logarítmica e que, polo tanto, se unha medida ten o dobre de magnitudes que outra, a primeira NON brilla a metade que a segunda (recordade que a máis magnitude menos brillo), senón que brillará menos segundo a relación logarítmica correspondente.

Volvendo á Fórmula de Pogson e, novamente, tras unha serie de razoamentos, finalmente pódese escribir que a magnitude dun corpo celeste é, sendo I a intensidade luminosa:

m = C – 2,5log(I)       (**)

A letra representa unha constante que dependerá do instrumento co que se está a observar o obxecto de intensidade I.

Omitindo o valor de C, no que non é necesario pararse para que quede clara a interpretación das magnitudes, hai que ter en conta que o signo negativo que acompaña ao 2,5 provoca un cambio na gráfica do logaritmo, que queda como se mostra a continuación:

grafica_2_5log

Outra cousa a ter en conta é que a diferenza entre brillos de valor baixo implica máis diferenza de magnitudes que a diferenza entre brillos de valor alto. Por exemplo:

  • Se temos un ceo de magnitude 16 e outro de magnitude 17, resulta que a súa diferenza en intensidade será de máis dunha unidade. Segundo a fórmula (**) e supoñendo C=20:m = 16 => I = 4,95
    m = 17 => I = 3,3
  • Mentres que se temos un ceo de magnitude 20 e outro de 21, con C=20 tamén, a diferenza en intensidade, que recordemos que si é linear, non chega a 0,5 unidades:m = 20 => I = 1
    m = 21 => I = 0,67

Resumindo

  • A máis magnitudes o ceo é máis escuro.
  • Se un ceo teña o dobre de magnitudes que outro non quere dicir que brille a metade (xa que as magnitudes teñen escala logarítmica).
  • A medida que o ceo é máis escuro, a diferenza en magnitudes implica menos diferenza no brillo que vemos co ollo. Cando o ceo brilla moito e mídense poucas magnitudes (de 15 a 18 son poucas) entón pequenas diferenzas de magnitudes implican moita variación de brillo do ceo.

 

Medidas de brillo do ceo en Castrelo de Miño (08/10/2016)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Grazas a uns cantos colegas, en especial a Richy, colaborador do Observatorio Astronómico de Forcarei, e Ramón, membro da Asociación Astronómica Vega, traballador do Centro de Estudios del Cosmos de Aragón e investigador da Universidad de La Laguna, a quen ademais lle debemos todas as medidas que imos publicar os vindeiros días, medimos no Clube Náutico de Castrelo de Miño, Ourense.

As medidas foron feitas durante as noites do 7 e 8 de outubro, días nos que tivo lugar a quedada anual de Astrogalicia. Os resultados son bos, aínda que o día 8 apréciase un incremento de brillo que seguramente se deba á presencia de nubes e que mostran que hai zonas mal iluminadas que con noites cubertas intensifican moito o brillo do ceo, que é escuro cando está despexado.

 

 

 

Medidas do brillo do ceo en Vigo (22/09/2016)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Dende o 22 de setembro ao 4 de outubro instalamos un fotómetro SQM na contorna da Plaza Elíptica de Vigo, no tellado dun edificio. Esta é unha zona céntrica da cidade, pero xa na parte alta. Está ao carón do monte do Castro e preto da Praza de España (a dos cabalos). Houbo noites nubradas, despexadas e con choiva, polo que os resultados son moi variados e requiren unha boa interpretación. O valor máximo acadado foi de 19 magnitudes, pero foron medidas puntuais. A maioría das medidas son cercanas a 18,5 magnitudes.

Nas gráficas adxuntas vese claramente como as nubes e a choiva inflúen no brillo do ceo. A pesar da altura á que se tomaron estas medidas é evidente a contaminación luminosa. As medidas están na media das cidades e pódense atopar núcleos urbanos mellores e peores. En breves trataremos de facer algunha comparación.