Medidas do brillo do ceo en Bueu (04/09/2016)

(Se é a primeria vez que escoitas falar do SQM visita esta páxina Brillo do ceo nocturno)

A semana do 4 de setembro instalamos un SQM no camiño da Carrasqueira, en Bueu. É un lugar que está uns metros máis alto que o centro urbano da vila. Instalouse nun recinto pechado lonxe de luces de camiños e rúas e bastante protexido dos lugares da contorna que máis luz emiten. O tempo durante esta semana non foi moi estable, intercaláronse noites nubradas con despexadas. A Lúa estivo presente nalgunhas noites pero a baixa altura e cun brillo inferior ao 45%.

Nesta publicación compartimos dúas gráficas moi diferentes, pero que mostran como actúan as nubes nun lugar que é escuro cando estas non están presentes. A pesar de que o SQM non ten luces preto, o reflexo das luces artificiais sobre as nubes non se produce só na zona onde están instaladas, senón que se expande ata chegar a sitios que en principio non teñen unha considerable contaminación luminosa.

En xeral os resultados son bos cando non hai nubes e o que sucede cando o ceo está cuberto vén a dicir que na contorna do lugar si hai unha cantidade considerable de contaminación luminosa.

¿Bonitas? paisaxes nocturnas

Daniel Ríos é un nome con diferentes significados para Calidade do Ceo Nocturno. Ten moita culpa en este colectivo chegase ata hoxe, nomeámolo socio honorífico e tamén é socio numerario. Pero a cousa non queda aí: Daniel é un gran fotógrafo e tivo a amabilidade de compartir con todos nós parte do seu gran traballo.

As seguintes fotos mostran o efecto da contaminación luminosa dende lonxe. Vese claramente como a luz vai cara o ceo, impedindo ver o horizonte tan estrelado como está o resto do ceo.

Na seguinte imaxe vemos o complicado que é compaxinar a iluminación sustentable coa actividade do ser humano. Difícil pero non imposible. Pensade na dificultade de atracar barco nunhas condicións de iluminación excesiva.

faro de mera cielo cc nombre.jpg

A continuación unhas panorámicas con diferentes localizacións que emiten unha abafante contaminación luminosa. Luces que impiden que exista a escuridade a quilómetros de distancia, afectando así a todo o contorno deses lugares.

Por último dúas imaxes do ceo. Nas dúas vese como se multiplica o efecto da contaminación luminosa cando hai nubes xa que a luz reflicte nelas e só nunha a visión da Vía Láctea é clara. Recordade que recentemente saíu a nova de que un terzo dos seres humanos non pode ou nunca viu a Vía Láctea: http://www.europapress.es/ciencia/astronomia/noticia-polucion-luminica-oculta-via-lactea-tercio-humanidad-20160610190534.html

¿Queres saber que é a contaminación luminosa?

A definición máis extendida de Contaminación Lumínica di que é a emisión de fluxo luminoso de fontes artificiais nocturnas en intensidades, direccións, rangos espectrais ou horarios innecesarios para a realización das actividades previstas na zona na que se instalan as luces.

Para facerse unha primeira idea do que é a contaminación luminosa é unha boa definición; mais para ter un coñecemento conciso do que é e supón este fenómeno hai que estudar e comprobar os problemas que se deben a este tipo de contaminación (por outro lado, moi descoñecido na actualidade na nosa sociedade).

Tanto neste blog como no noso perfil en facebook “Calidade do ceo nocturno”, daranse a coñecer os distintos problemas derivados da contaminación luminosa e as causas que o orixinan. Se tes WordPress e queres seguirnos para ter no teu correo as novas das publicacións que vaiamos insertando, só tes que suscribirte.

Anímate!