Avelaíña (velairiña, matacandís)

Temos no noso dicionario o termo avelaíño mais en feminino ten unha acepción que nos interesa moito para o noso traballo.

matacandis
Fonte da imaxe: Galipedia

Avalíña, velairiña ou matacandís:

Bolboreta nocturna da suborde dos heteróceros, de corpo arredondado e piloso, ás longas e estreitas, voo rápido e da que existen diversas especies.

A influencia da luz nos insectos é tal que hasta no dicionario da Real Academia Galega aparecen os seguintes exemplos de uso:

Dúas avelaíñas voaban sen cesar arredor do farol. 
Arredor do farol había varios matacandís. 

Cómpre ter en conta a vida nocturna para decidir como iluminar a noite, senón animais coma este ou os vagalumes (lucecús) acabarán desaparecendo e con eles estas belas palabras da nosa lingua.

Melatonina

Cando falamos de contaminación luminosa e seres vivos, incluida a saúde dos seres humanos, nombramos moito á melatonina, que é unha hormona que o noso corpo segrega cando non recibimos luz. Aquí unha explicación moi breve do que é este composto.

Esta hormona é responsable de regular e controlar moitos procesos biolóxicos do noso organismo, ademais de que é a encargada de sincronizar o noso reloxo interno. Por exemplo, nalgúns mamíferos a melatonina influe no inicio e fin do período de reprodución, no inicio da hibernación e outras actividades estacionais. Por suposto grazas á melatonina o corpo sabe que é de noite e prepárase para durmir e a ausencia mantén aos nosos sentidos en alerta e atentos para facer os nosos labores diurnos.

melatonina-mecanismo
A luz provoca a secreción de melatonina que se transporta por todo o corpo sincronizando as nosas funcións biolóxicas co ciclo día-noite. Fonte da imaxe.

En estudos recentes demostrouse que a melatonina é capaz de influír na ralentización da evolución de certo tipo de cancros e, incluso, parece que o defecto de melatonina no organismo durante longos períodos de tempo ten consecuencias sobre todo nos cancros de mama e próstata.

A secreción de melatonina non se produce cando un ser vivo está exposto a luz similar á do sol, que ten moito de luz azul e pouco de vermella e outras cores (rangos espectrais é o termo máis técnico) e se produce na ausencia de luz con compoñente azul. Polo tanto, permanecer de día en lugares pechados iluminados con luz artificial sen compoñente azul envía unha mensaxe ao organismo de que non é de día ou de que estamos próximos á noite, mentres que permanecer exposto á luz durante a noite fai entender ao noso corpo que non toca durmir. Ámblas dúas situacións teñen efectos perxudiciais para o noso organismo e no estado de ánimo.

Contaminación lumínica ou luminosa?

rag_logoUnha dúbida común na nosa lingua é se usar lumínica ou luminosa para referirse á contaminación. No dicionario da Real Academia Galega aparece a palabra luminoso, pero non lumínico. Consultamos á RAG e esta é a resposta que nos enviaron:

A forma “lumínico” non se encontra entre o léxico referendado pola
normativa, o cal non indica necesariamente que sexa incorrecto ou que non se engada nun futuro.
Noutras linguas, onde si se recolle, o seu sentido difire do de “luminoso”, xa que este último aplícase para o que ten luz ou mesmo moita luz, mentres que “lumínico” é relativo á luz e é o termo utilizado ao falar da contaminación deste tipo, que non aparece rexistrada como “contaminación luminosa”, senón como “contaminación lumínica”.

En calquera caso, propoñeremos esta forma para a súa valoración e posible inclusión.

Encandear

A nosa linga encandea, fascina, seduce… Encandear é un verbo que se utiliza para indicar que algo ou alguén provoca admiración ou asombro, que causa unha viva impresión, e con esta acepción ten diferentes sinónimos. Aos xa ditos pódense engadir os seguintes: abraiar, asombrar, impresionar, marabillar, pasmar e subxugar.

Pero esta palabra ten outra acepción, que é: impedir que [alguén] vexa ben, ou deixalo momentaneamente sen vista por un exceso de luz. Polo tanto, neste caso o verbo encandear é sinónimo de cegar.

DESLUMBRAR
(o verbo deslumbrar non existe en galego)

Unha persoa intenta ver un concerto fronte o Concello de Pontevedra, pero está encandeada pola luz que procura tapar.
Unha persoa intenta ver un concerto fronte o Concello de Pontevedra, pero está encandeada pola luz que procura tapar.

Rubién

A verdade que a nosa lingua ten palabras para todo. Se temos luscofusco para facer referencia aos momentos nos que se fai noite ou empeza a notarse a clareza dos primeiros raios do Sol, non ía ser menos a luz que se ve neses momentos.

Rubién: Luz radiante en tons vermellos que tinxe as nubes no horizonte ao abrir o día ou ao atardecer, cando lles dá o sol. A rubién é sinal de bo tempo.

A acepción dada fala da luz, pero resulta que este substantivo en plural fai referencia ás propias nubes:

Rubiéns: Nubes de cor vermella que hai ao abrir o día ou ao atardecer cando as ilumina o sol. Fixo unhas fotos das rubiéns.

O avelaíño rubién do atardecer.

Avelaíño

Un adxectivo que soa a galego, a que si? Unha destas palabras que fai que a nosa lingua galega teña unha beleza especial. No noso contexto pódese usar para falar da luz con pouca intensidade.

Dixe que algo é avelaíño ou avelaíña se este está caracterizado pola suavidade, a delicadeza, a carencia de violencia e brusquidade ou por ter pouca forza ou intensidade. Faláballe con voz avelaíña. A luz avelaíña dos seráns outonais. Sopraba un vento avelaíño. O avelaíño rubién do atardecer. sin. lene, suave.

Outra acepción da palabra é a seguinte: de gran finura e delicadeza. As mans das humildes mulleres tecían acotío os avelaíños e fermosos encaixes.

Dito dunha flor, planta… tamén se refire a que morre pronto. Aquela flor avelaíña era para el o símbolo da súa propia vulnerabilidade.

Outro sinónimo é velaíño.