Encandear

A nosa linga encandea, fascina, seduce… Encandear é un verbo que se utiliza para indicar que algo ou alguén provoca admiración ou asombro, que causa unha viva impresión, e con esta acepción ten diferentes sinónimos. Aos xa ditos pódense engadir os seguintes: abraiar, asombrar, impresionar, marabillar, pasmar e subxugar.

Pero esta palabra ten outra acepción, que é: impedir que [alguén] vexa ben, ou deixalo momentaneamente sen vista por un exceso de luz. Polo tanto, neste caso o verbo encandear é sinónimo de cegar.

DESLUMBRAR
(o verbo deslumbrar non existe en galego)

Unha persoa intenta ver un concerto fronte o Concello de Pontevedra, pero está encandeada pola luz que procura tapar.
Unha persoa intenta ver un concerto fronte o Concello de Pontevedra, pero está encandeada pola luz que procura tapar.

Rubién

A verdade que a nosa lingua ten palabras para todo. Se temos luscofusco para facer referencia aos momentos nos que se fai noite ou empeza a notarse a clareza dos primeiros raios do Sol, non ía ser menos a luz que se ve neses momentos.

Rubién: Luz radiante en tons vermellos que tinxe as nubes no horizonte ao abrir o día ou ao atardecer, cando lles dá o sol. A rubién é sinal de bo tempo.

A acepción dada fala da luz, pero resulta que este substantivo en plural fai referencia ás propias nubes:

Rubiéns: Nubes de cor vermella que hai ao abrir o día ou ao atardecer cando as ilumina o sol. Fixo unhas fotos das rubiéns.

O avelaíño rubién do atardecer.

Avelaíño

Un adxectivo que soa a galego, a que si? Unha destas palabras que fai que a nosa lingua galega teña unha beleza especial. No noso contexto pódese usar para falar da luz con pouca intensidade.

Dixe que algo é avelaíño ou avelaíña se este está caracterizado pola suavidade, a delicadeza, a carencia de violencia e brusquidade ou por ter pouca forza ou intensidade. Faláballe con voz avelaíña. A luz avelaíña dos seráns outonais. Sopraba un vento avelaíño. O avelaíño rubién do atardecer. sin. lene, suave.

Outra acepción da palabra é a seguinte: de gran finura e delicadeza. As mans das humildes mulleres tecían acotío os avelaíños e fermosos encaixes.

Dito dunha flor, planta… tamén se refire a que morre pronto. Aquela flor avelaíña era para el o símbolo da súa propia vulnerabilidade.

Outro sinónimo é velaíño.