Medidas do brillo do ceo na EOI de Vigo (20 a 23/04/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Con motivo do obradoiro que organizamos na Escola Oficial de Idiomas de Vigo instalamos alí o SQM para medir a contaminación luminosa. É un lugar situado nun punto alto da cidade e rodeado de casa e edificios baixos. A propia escola facía de pantalla protexendo o SQM da luz do centro da cidade. Esperabamos que os resultados aquí fosen bos, pero foron un auténtico desastre. Todo apuntaba a que esta parte da cidade sería máis escura que o centro, pero non, apenas hai diferencia se se observan as gráficas. A máxima escuridade medida estivo preto das 18,5 magnitudes, medidas propias dun ceo claramente contaminado.

Medidas do brillo do ceo en Patos, Nigrán (7,8,9/03/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Instalamos un par de SQM para calibralos en Patos, Nigrán. Eran noites con Lúa, para ter variabilidade e facer mellor a calibración, polo que os resultados son moi variables, aínda que moi interesantes, xa que ao final das noites, cando a Lúa se escondía e non había nubes, chégase a medir case 20 magnitudes, un ceo de boa calidade.

Education on Light Pollution (proxecto internacional sobre contaminación luminosa)

Liderados polo investigador portugués Raul Lima, do Politécnico de Porto, participamos xunto co investigador da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Astronómica Coruñesa Ío nun proxecto internacional con financiamento do proxecto europeo Stars4all. O proxecto ten como obxectivo principal a instalación de fotómetros SQM en centros de ensinanza secundario en Portugal e Galicia.

A medida que desenvolvamos o proxecto informaremos polos medios habituais. Máis información en https://www.ess.ipp.pt/noticias/projeto-education-on-light-pollution 

Comparación de ceos: Bueu, Vigo e Castrelo de Miño.

Xa levamos tempo medindo ceos de Galicia e chegou á hora de interpretar os datos facendo comparacións. Todos os datos están en Brillo do ceo nocturno e neste mapa de Galicia.

Comezamos a comparación de ceos vendo o que sucede nun ceo en plena cidade, Vigo, nun ceo semi urbano, na Carrasqueira, en Bueu; e nun ceo rural, no Clube Náutico de Castrelo de Miño.

Collemos unha noite máis ou menos estable de medidas en cada lugar con características similares: ningunha ou moi poucas nubes e ausencia de Lúa. Ao medir en noites diferentes a noite non comeza á mesma hora, polo que comparamos os datos das horas centrais da noite. Temos en conta que nalgúns lugares pode haber luces que se apaguen a partir dunha hora determinada, como parece ser o caso de Castrelo de Miño e tamén que pode haber datos que por algún motivo se saen do esperado, como pasa na gráfica de Castrelo de Miño que ten un pico ao redor das 12 horas UTC (tempo universal). Nesta ocasión traballamos con tempo universal exclusivamente porque se comparamos noites en horario de verán e noites en horario de inverno a transformación de tempo universal a hora local cambia: en verán hai que sumar 1 hora ao tempo universal para ter a hora local e en inverno hai que sumar dúas horas. Pero traballando en tempo universal evitamos estos problemas e concentrámonos en facer unha análise da escuridade do ceo ao transcurso da noite.

Tendo en conta o comentado podemos ver que en Castrelo de Miño ao comezo da noite o brillo do ceo é considerablemente maior que nas horas centrais da noite. Pero despois, como cabe esperar, o ceo é moito máis escuro que nos outros lugares cos que se compara. No caso de Bueu estamos a falar dun lugar un pouco máis alto co centro urbano e algo alonxado deste. Isto tradúcese nun ceo dunhas 20 magnitudes, que é un ceo bastante escuro, mentres que en Vigo, no centro da cidade e a pesar de medir nun dos puntos máis altos da mesa, o ceo brillo moito.

En definitiva: os ceos urbanos, semi urbanos e rurais teñen moita diferenza de brillo do ceo, pero os da cidade son mellorables, como veremos en próximas comparativas entre ceos urbanos.

Astronomía e contaminación lumínica en Galicia

Por todos é coñecido que a astronomía é a ciencia que permite máis rapidamente entender e recoñecer a contaminación lumínica, por iso a través dela pódese falar deste problema que aumenta a pesar de ser cada día máis os que loitamos contra el. Os astrónomos profesionais e afeccionados dedican moito tempo a falar das causas e consecuencias da contaminación lumínica e nas súas páxinas web e blogues aparecen referencias a ela en numerosas ocasións. Hoxe queremos deixarvos unha entrada do blogue Astronomía a tu alcance, onde cunhas fotos de Óscar, membro da Asociación Astronómica Ío de A Coruña, trátase a contaminación lumínica en Galicia.

Nesta entrada faise mención a Calidade do Ceo, polo que dende aquí queremos agradecer moito as palabras que nos dedican.

Aquí vos deixamos a lectura: Impresionantes cielos gallegos. Análisis de la contaminación lumínica en Galicia.