A Hora do Planeta, con poucas luces

O título desta entrada é o título dun artigo publicado en La Razón o día 29 de marzo no que Jorge Alcalde, director da revista Quo, critica esta iniciativa dunha forma cuestionable.

No artigo, que podedes ler ao pé deste texto, critica que esta iniciativa non soluciona os problemas reais enerxéticos e indica que un deles é que a maior parte dos habitantes da Terra non teñen acceso á electricidade. A verdade é que a propia argumentación que utiliza vai na súa contra, xa que nada ten que ver o malgasto enerxético da nosa sociedade coas carencias do denominado Terceiro Mundo. Ou quizáis si teña que ver, porque os recursos naturais que utilizamos para xerar a inmensa maioría da enerxía que consumimos son finitos, polo que se uns dilapidan recursos os outros non poderán dispoñer deles.

Cuestiona a iniciativa porque di que nesa hora na que se apagan luces non se detecta que o consumo baixe considerablemente. É obvio que durante unha hora non se vai solucionar nada. A Hora do Planeta pretende cambiar hábitos de vida. Fai anos pechar a billa cando nos cepillábamos os dentes parecía un aforro insignificante, hoxe é unha das medidas de aforro máis importantes de auga, xa que na suma de todos está o resultado final.

Este artigo é un dos mellores exemplos de mal entendemento dunha iniciativa e dos valores que defende. Ninguén quere demonizar a electricidade, nin a luz, ninguén cuestiona os avances traídos pola electricidade. O que se fai na Hora do Planeta é reflexionar sobre o mal uso da electricidade e o malgasto de recursos naturais.

En canto ao que di de levar electricidade alí onde non a hai dicir que isto non é cuestionable, pero si son cuestionables o modelo de consumo e instalación que se queiran implantar. Dende logo se o modelo enerxético non cambia e os hábitos de consumo tampouco temos un problema serio que, co tempo, igual impide xerar a enerxía que hoxe coñecemos e que nos dá o nivel de vida actual.

O artigo completo: La_hora_del_planeta_con_pocas_luces

Recordade que sobre a ausencia de luz en campos de refuxiados falamos neste artigo: Ikea e a ¿seguridade?

Actividade Hora do Planeta 2014

hora del planeta

 

Unha vez máis, coma no ano 2012, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC e Calidade do Ceo xuntámonos para organizar unha actividade pola celebración da Hora do Planeta 2014. Nesta ocasión contamos coa participación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que falan da contaminación lumínica na súa web.

Animádevos a participar connosco e compartir a experiencia e opinións.

Resumo e fotos da actividade.

Hora do Planeta 2012

Hora do Planeta 2012 xa está en marcha na Universidade de Santiago de Compostela!

A USC adheriuse a esta iniciativa e por este motivo a Oficina de Desenvolvemento Sostible e Calidade Do Ceo Nocturno, baixo o proxecto USC en Transición, temos organizada unha charla-coloquio para este luns 26 ás 18:00 no Salón de Actos da Facultade de Dereito.
Trataranse os temas do cambio climático, da acontaminación lumínica e da eficiencia enerxética na nosa actual situación económica, na que cada euro que se gasta ten que estar moi xustificado, e a responsabilidade social coa sostenibilidade é cada vez maior. A contaminación lumínica é un problema real e moi extenso: afecta a todo ser vivo (humanos, aves, réptiles e moitos máis), á investigación astronómica, á conservación do patrimonio celeste, a manter viva a cultura herdada da observación do ceo (efemérides e lendas son dous exemplos) e un largo etcétera. Ademáis a dilapidación enerxética e a emisión de gases contaminantes vense agravadas pola necesidade de xerar máis enerxía para cubrir o excesivo e innecesario consumo da nosa sociedade.
Non queremos que a Hora do Planeta quede nun simple xesto dunha hora, nós apostamos por ser eficientes e sostibles durante todo o ano e durante toda a vida, polo tanto aproveitarmos esta ocasión para dar a coñecer os problemas e as solucións para un mundo máis sostible. Para acadar este obxectivo contamos cun plantel de luxo que tratará diferentes temas: seres vivos, iluminación eficiente, consumo enerxético, LEDs, sostenibilidade no rural, entre outros.
O día 26 na Facultade de Dereito da USC trataranse os temas de contaminación lumínica, sostenibilidade, eficiencia enerxética e temas relacionados.
Os relatores son:

D. Salvador Xurxo Bará Viñas: fará unha presentación sobre a eficiencia enerxética falando da iluminación LED.
Profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela do departamento de Física Aplicada adscrito á Facultade de Física da USC. Director do curso Astronomía na Beirarrúa que se imparte tódolos anos na Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC.

D. José Luis Carreira Valín: explicará as aplicacións de modelos de sustentabilidade e autosuficiencia na empresa privada.
Ecoemprendedor e impulsor da granxa Arqueixal localizada na parroquia de Santiago de Albá (Palas de Rei), Comarca de Ulloa. Arqueixal é unha empresa de turismo rural, agroalimentaria e agrogandeira de produción de lácteos ecolóxicos: iogures, leite e queixo. Iniciouse en 1989 tratando de recuperar saberes tradicionais e de calidade, e que na actualidade segue evolucionando cara un concepto máis global de valoración do entorno rural a través dunha economía sostibe, sustanble e diversificada.

D. José Ángel Docobo Durántez: presentará a problemática da contaminación lumínica.
Catedrático de Astronomía e Astrofísica da Facultade de Matemáticas, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Comisión 26 de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional (as súas siglas en inglés son IAU).

D. Serafín González Prieto: falará do impacto da contaminación lumínica nos seres vivos.
Investigador e coordinador de diferentes proxectos de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

Unha representación do Concello de Santiago de Compostela.
___________________________________________________________