A Ría de Vigo. Parte 1ª: as luces de Nadal

Coma tódolos anos dende hai uns cantos chegan as luces de Nadal a Vigo para verse dende o Espazo, luces_nadal_davilapara cegar aos habitantes de New York e para competir con Tokio en iluminación. O alcalde de Vigo presume do gasto, da cantidade de luces LED instaladas e da cantidade de visitas que recibe Vigo para ver as luces. Non imos encher este artigo con enlaces a tódalas noticias existentes sobre este asunto porque unha búqueda rápida na Internet é suficiente para acadar toda a información necesaria para quen a necesite.

O primeiro que hai que dicir sobre as luces de Nadal é que son una instalación efímera, é dicir, non permanente, co al o trato que se lle dá a esta iluminación dende un punto de vista da contaminación luminosa é diferente a outras instalacións. Os parámetros polos que medimos o impacto das luces de Nadal poden ser os seguintes:

  • Custe económico,
  • custe ambiental en produción da electricidade necesaria,
  • o tempo que transcorre dende o primeiro día de encendido ata o último,
  • o horario diario no que permanecerán acesas.

Podemos omitir nesta lista o impacto ambiental por iluminación, non porque non exista, que como mostra o seguinte vídeo só se necesitan uns minutos de luz para cegar a paxaros (e a Ría de Vigo está nunha Zona de Especial Protección de Aves, pero isto vai para a parte 2ª desta serie de artigos), senón porque podemos admitir que todo o que facemos ten o seu impacto e o obxectivo é minimizalo sen chegar a eliminalo cando así o decidamos. E a xente quere luces de Nadal.

Homenaxe dos atentados das Torres Xemelgas (World Trade Center)

Centrando a atención entón na lista dada temos que (omitimos cifras conscientemente. Todas, ou case todas, están na Internet, mais o obxectivo é pensar na iluminación e non tanto en poñer cifras):

  • O custo económico é enorme. É certo que Vigo recibe moitas visitas e existe certo retorno na economía local, mais estamos nun tempo no que se procura un turismo sustentable, respectuoso coa contorna e de calidade. ¿Poderíase atraer xente con menos luces? ¿A cantidade é igual á calidade? ¿Quizáis estamos ante un turismo que vén abraido polas cifras desorbitadas de número de luces e non tanto polo bonito que pode ser? ¿Podería ser que a xente veña a Vigo aproveitando unha escusa, que tanto dá que sexa esta coma outra menos custosa? Incluso podería ser que o realmente atractivo sexa a presenza da cidade e o alcalde en tódolos medios de comunicación. Noutros lugares consiguen turismo con moitas menos luces, cunha simple árbore.
  • Toda luz consume. E os LEDs tamén. A inmensa cantidade de luces LEDs instaladas aumentan o consumo de electricidade e, polo tanto, a contaminación atmosférica. Se garantimos que a enerxía que consomen é enerxía renovable o que se fai é aumentar a presión sobre bosques, montañas, ríos, mares, etc. para instalar os xeneradores de enerxía necesarios para atender estes picos de consumo. ¿Non temos xa demasiado consumo eléctrico como para engadir outro máis de tales proporcións?
  • Cada ano as luces de Nadal están acesas durante máis tempo. Isto é porque os comerciantes din que fomenta o consumo. Nin máis nin menos. As luces estimulan aos seres vivos e, no caso dos humanos, iso ten unha consecuencia directa no consumo. ¿Aceptamos sen máis que con cartos municipais instalen iluminación para fomentar o consumo? Hai que entender ben esta parte. Non se trata de que se fomente un consumo responsable e necesario, ou que se pretenda dar vida a un barrio que estaba en decadencia, ou que se estea promocionando un producto concreto porque acaba de saír, etc. Trátase de que as luces fan que gastemos cartos sen necesidade.
    Por suposto, ao estar acesas máis tempo tamén empeoran os puntos anteriores: máis custe económico e máis contaminación.
  • O horario no que se acenden as luces tamén é importante (descoñecemos o dato concreto neste caso). As luces de Nadal son coloridas, son estimulantes e iso afecta directamente ao noso comportamento e á nosa bioloxía. As luces afectan aos nosos ritmos circadiáns (Melatonina e Contaminación lumínica y ritmo circadiano.), polo que unha iluminación excesiva nas horas nocturnas ten consecuencias na nosa saúde e benestar.
    Neste apartado poderíamos incluir a influencia da luz artificial na nosa contorna: aves, insectos, peixes, plantas… Canta menos noite escura lle deixemos, máis influimos na súa vida normal.

Todo o comentado aquí pódese argumentar con datos concretos, mais o que se busca é unha reflexión sobre a relación que temos coa iluminación artificial e, concretamente, coas luces de Nadal. Hai que abandonar a espiral mediática onde está asentada agora mesmo a cidade de Vigo, deixar a idea de que o exceso é meritorio e buscar un equilibrio entre todo o comentado, de tal xeito que a cantidade de luces, o custo de mantelas, o respecto polo medio ambiente e a vida humana na cidade teñan consonancia e harmonía.

Había pouca luz? Xa está o Nadal aquí!

Polo de agora as luces de Nadal aínda chegan máis tarde que a Lotería, pero a este ritmo a saber…

O encendido das luces de Nadal é toda unha festa en xeral e, en particular, en Vigo foi todo un acontecemento, como cada cousa que ten lugar na cidade dende que está Abel Caballero de alcalde. Non hai nada malo nisto, o problema é a mensaxe que se dá facendo unha festa de cousas que non son para nada boas: aínda queda aun mes para Nadal! Pero haberá que comezar polo principio:

En Vigo existe unha rotonda cunha pantalla LED circular con non pouca potencia. Entre outros usos é unha pantalla de publicidade pero tamén de cine ao aire libre. A luz que emite esta pantalla chega ata varias alturas dos edificios veciños, pero a ninguén parece importarlle.

pantalla_vigo_rotonda
Rotonda na rúa Rosalía de Castro de Vigo. Fotografía: Faro de Vigo.

Xa houbo hai tempo problemas noutra zona da cidade por pantallas de publicidade excesivamente potentes, pero aínda queda moito para que se escoiten estas queixas.

Dende hai un tempo na cidade estanse a mudar as luces das rúas do centro. A verdade é que a corrección da dirección das luces é moi correcta, pero no así da cor, como non podería ser doutro xeito estanse a instalar luces LED brancas que nalgúns sitios chegan a cegar e que non son nada boas como xa dixemos en varias ocasións. Ademais de xenerar grandes contrastes moi incómodos.

vigo
Esquerda: nova iluminación na rúa García Barbón. Dereita: a antiga en Rosalía de Castro. Vigo.

Os cambios continúan e está previsto facer obras no barrio de Coia onde se substituirán os volcáns da Avda. de Castelao por unha fervenza de auga e… luces. Tamén Teis, na entrada do Barrio das Flores vaise facer unha nova praza na que se va a instalar nova iluminación, como se a actual non fose suficiente.

E chegou novembro e empezan os praparativos de Nadal e en Vigo comezan a aparecer bólas xigantes de luces e unha árbore que cada ano ten máis altura e, polo tanto, máis luces. O peor de todo é que seguimos vendendo a luz, o exceso de luz, como calidade de vida e riqueza, e xa non é que unha luz sexa un voto, é que agora as lucen véndense do mesmos xeito que se vendeu no seu día a Cidade da Cultura de Galicia ou a estación do AVE de tren de Vigo, que estaban e están ben só porque foron deseñadas por arquitectos de fama mundial, pois o mesmo as luces: Vigo ten as mesmas luces que Nova Iorque.

Poderá pensar alguén que estamos defendendo que non haxa luces de Nadal. Nada máis lonxe da realidade. Galicia, e España, está nunha seca sen precedentes (non imos falar da multitude de fontes que hai nas cidades porque non é o noso obxectivo, pero non quere dicir que non nos preocupe), o cambio climático é indiscutible e a mesma cidade que está pedindo aforrar auga, que está implorando porque chova, presume de ter cada ano máis luces de Nadal que aumentan o consumo eléctrico e, polo tanto, a emisión de contaminantes á atmosfera. É urxente racionalizar o consumo eléctrico por este tipo de iluminacións que nin son necesarias durante un mes nin son necesarias nas cantidades que se instalan. Xa non se trata de que as luces de Nadal se espallan en todas direccións sen control, que se instalan porque son estimulantes (demostración de que a luz non é inocua) ou que impidan o noso dereito a gozar da noite como o que é, noite. Falamos de malgasto enerxético e de aumento de produción de enerxía con todas as súas consecuencias.

 

Dende Nikola Tesla ata a contaminación lumínica, e viceversa, pasando polo Nadal

Aviso: recuperamos esta entrada do ano 2012, polo que as novas que nela se citan son de entón. Aínda así o tema segue sendo, por desgraza, actualidade

Información: http://social.unach.edu.ec/blog/archivos/517

A corriente eléctrica e a luz son grandes inventos. A luz artificial permítenos estar activos en momentos do día e situacións nas que sen ela non poderíamos facer nada. Sen dúbida é un grande avance. E o gran culpable de que hoxe en día podamos iluminar as cidades como o facemos é Nikola Tesla.


Como nos dixo un bo amigo no noso perfil de Facebook, Salva Bará, todo avance tecnolóxico vai da man do paradoxo de Jevons e neste caso non ía ser menos. A luz está cada día máis presente nas nosas vidas. É relativamente novo iso de adornar monumentos e edificos con luz exterior na súa fronte. Pero non é tan novo o uso estético da luz, algo que por exemplo podemos ver durante o periodo de Nadal.

A luz é algo normal nas nosas vidas e xa estamos moi afeitos á súa presenza. Ata o de agora pouco ou nada nos decían sobre os problemas que podía ocasionar, pero agora son coñecidos e difundidos e ata xa o consideramos un novo foco de contaminación: contaminación lumínica.

Estamos preto de Nadal. Incluso podemos ver xa algúns adornos nalgúns lugares e o turrón en España xa está nos baldóns dos supermercados. E tamén temos novas típicas das datas. A primeira que nós atopamos chega dende A Coruña, no diaro La Voz de Galicia.

Varias cousas chaman a nosa atención desta nova. Primeiro que o Concello de A Coruña presume de poñer á cidade na cabeceira da lista de cidades que máis gastan en luminarias de Nadal de España. Presumir disto no século XXI demostra que o gasto en diferentes conceptos relacionados coa luz segue a ser un factor importante na sociedade. Non importa nin como nin en que se gaste, non importa o gasto posterior que supoña o desenvolso inicial, o que importa é que a inversión sexa alta.

Outra cousa que nos chama a atención é que os comerciantes están contentos porque se instalen LEDs. Nós xa falamos desta tecnoloxía e das súas consecuencias. Recordade que esta é unha tecnoloxía cara, o que queda dalgún xeito patente se temos en conta que A Coruña vai gastar 563.255€ en mercar e instalar estas luminarias, pero que cunha densidad de poboación de 6.503,52 habit./km² (cálculo feito con datos do INE) en 40km² resulta que, segundo denuncian os comerciantes, hai barrios que quedan sen luces de Nadal, alomenos no que se refiere a este presuposto dado.

Son moitas as reaccións dos que loitamos contra a contaminación lumínica cando chegan estas datas. Carlos Herranz, presidente de Cel Fosc, contesta a esta opinión, dada en El País, deste xeito, onde afirma que “antes, cuando las calles no estaban sobreiluminadas, los adornos lucían sin necesidad de tanta potencia”, e formula preguntas como “¿por qué no reducir proporcionalmente el alumbrado de las calles cuando llevan iluminación ornamental?”.
Tamén Borja Tosar, membro da Asociación Astronómica Ío de A Coruña, pronúnciase ao respecto das luces de Nadal, recordando que estas luminarias recordan á luz emitida polas estrelas.

E así chegamos de novo a Nikola Tesla. Desta volta, o famoso enxeñeiro explica as causas e consecuencias da contaminación lumínica. Tamén recorda que moitos estudos actuais sobre a contaminación lumínica son moi recentes e están empezando, pero que xa está comprobado que a contaminación lumínica vai más alá do despilfarro enerxético e de problemas económicos.