Luces e sons de Aquis

O 30 de xullo de 2016 estaremos en Porto Quintela, Bande (Ourense).

0001

Adicaremos este sábado a facer actividades para todas as idades nas que traballaremos con xogos e obradoiros as causas e consecuencias da contaminación luminosa así como diferentes conceptos de astronomía no centro de interpretación Aquae Querquennae.

Tras un descanso para cear poderase desfrutar en directo do grupo de música tradicional Ghaveta.

Por último, aproveitaremos este contorno natural máxico e cargado de historia para facer unha observación astronómica na que poderemos desfrutar das marabillas dos corpos celestes.

Noticia en La Región: http://www.laregion.es/articulo/verano/aquis-bande-acoge-velada-astronomica/20160728101834638075.html

Noite do 25 de abril de 2013

Esta é unha aportación de Rubén Alonso. Grazas Rubén!

A verdade é que a piques estivemos de perdernos este acontecemento. Pero o noso amigo Rubén avisounos a tempo.

Hoxe a noite vai a estar nubrada, pero como a Lúa está grande e brillante nos lugares onde as nubes sexan poucas ou moi finas e altas poderase contemplar sen moitos problemas. Moi probablemente esta situación darase no sur de Galicia, no norte haberá que esperar a ver se cambian as cousas ao longo do día. De tódolos xeitos non deixedes de intentalo!

Que se pode facer hoxe? Hoxe se pode intentar, se as nubes o permiten, ver un eclipse parcial de Lúa. Non imos explicar moito porque hai moi boa información e suficiente no diario ABC: consellos para ver o eclipse parcial de Lúa.

Se sacades fotos ou grabades estaremos encantados de que o compartades con nós. Eu se simplemente queres comentar a experiencia tamén son benvidos os comentarios.

Desfrutade da noite!

Noite do 23 de abril de 2013

Esta é unha aprotación de Daniel Ríos. Moitas grazas Daniel!!!

Ademáis da Lúa, as estrelas e os planetas, existen moitos outros obxectos que é posible observar no ceo de noite. Hoxe falaremos dos satélites artificiais, e concretamente da ISS (do inglés, International Space Station). Esta estación espacial orbita arredor da Terra a unha altura aproximada de 400 km, é dicir, 40 veces máis alto ca un avión comercial.

issTrátase do satélite artificial máis grande xamáis lanzado polo home, cunha lonxitude aproximada de máis de 100 metros (o equivalente a un campo de fútbol).

Durante as primeiras horas da noite e os instantes previos ao amencer, é posible observala moitas veces, como un punto luminoso semellante a unha estrela que se move polo ceo, a unha velocidade considerable.

Que se pode facer hoxe? Como as previsións meteorolóxicas indican que a noite será despexada en toda Galicia, hoxe vos animamos a que contempledes a ISS.

Teredes que mirar ás 23:06 h cara o horizonte oeste (o lugar por onde se escondeu o Sol), e comezaredes a ver un punto luminoso que se move e vai ascendendo cada vez mais alto polo ceo (o movemento apreciase perfectamente a simple vista). Unha referencia é ver para Xúpiter, tal e como vos indicamos nunha noite da semana pasada.

Ascenderá durante uns 3 minutos, aumentando cada vez mais o seu brillo, e posteriormente desaparecerá en poucos segundos. Isto é debido a que a estación introdúcese na sombra do noso propio planeta, e ao non recibir a luz so Sol deixa de ser visible.

Os pases da Estación Espacial Internacional son moi frecuentes, e pódense observar cunha frecuencia de varias veces a semana. Existen páxinas web que permiten calcular este tipo de acontecementos introducindo a ubicación xeográfica, como por exemplo http://www.heavens-above.com/

Desfrutade da noite!!

Como curiosidade deixamos este vídeo sobre un percance dunha astronauta na ISS

Noite do 19 de abril de 2013

Parece que esta noite pode haber algunha nube na Mariña lucense, pero no resto de Galicia vai a estar o ceo despexado. Hai que aproveitar para desfrutar da noite que ademáis xa é venres.

Que se pode facer hoxe? Onte propuxemos observar un pouco a Lúa, que está en fase crecence. Quizáis algún xa se percatou que no luscofusco nocturno hai un punto moi luminoso e fixo, que non escintila. Isto é un planeta, o planeta Xúpiter. Cun telescopio pequeno pódense ver ata catro dos seus satélites, os máis grandes, que son Ío, Europa, Ganímedes e Calisto, os chamados satélites galienanos porque foi Galileo quen os descubriu.

Captura do programa Stellarium
Captura do programa Stellarium

Desfrutade da noite!!

Programa NOCTUA

NOCTUANesta entrada queremos presentar unha iniciativa que nos parece moi interesante da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO).

O programa NOCTUA ten como obxectivo coñecer os problemas das aves nocturnas. Este programa é, polo tanto, unha nova oportunidade para desfrutar da noite e do que esta ofrece.

Nós lanzamos dende aquí aos afecionados á ornitoloxía e a toda persoa que estea interesada en pasar unha noite entretida e diferente, a idea de aproveitar esta iniciativa para fixarse e recoller datos sobre as distancias ás que están os focos de luz máis próximos e a describilos, coa intención de saber se a propia luz influe nos cambios poblacionais das aves nocturnas.

Os membros de Calidade Do Ceo están valorando actualmente a opción de participar como grupo activo no programa, pero como di o dito… Quen moito abarca… Por iso animamos á xente a participar, a compartir datos e opinións ao respecto e a propoñernos actividades que inclúan a participación neste programa, pero nós de momento só nos comprometemos a incluír nas nosas actividades toda a información que podamos sobre o programa e a ir formándonos e adquirindo coñecemento ao mesmo tempo que facemos as actividades sobre ornitoloxía.