Capella

capellaUnha das máis famosas constelacións do ceo de inverno, xunto con Orión, é Auriga, onde se atopa a protagonista de hoxe: Capella. Precisamente Auriga está preto de Orión, polo que non é nada difícil atopala.

Tanto Capella como o nome árebe coa que se coñece, Alhajoth, significan “cabra”, mentres que outro dos nomes polo que é coñecida esta estrela, Al Rakib, significa “condutor”.

A verdade é que esta estrela ten o seu lugar neste particular paseo da fama porque é brillante e a constelación onde se atopa, que forma un pentágono moi claro no ceo, é fácil de observar; pero non aporta moitas historias mitolóxicas como pasa con outras. Así que para simplificar deixamos un enlace a momemtum, onde podedes ler moi resumidamente algunha cousa sobre ela: “Observa la hermosa estrella Capella“.

Para observar esta estrela o recomedable é atopar primeiramente Orión e, ao seu lado, buscar un pentágono. O punto máis brillante desta figura é Capella.

Na seguinte imaxe do Stellarium pódense ver as constelacións de Auriga (Cocheiro), Xéminis (Xemelgos), Orión e Tauro (Touro),

 

 

Captura do Stellarium. Capella e o seu entorno, con Xúpiter en Xéminis (non sempre está aí). Algunhas das estrelas que se ven xa falamos delas, doutras falaremos.
Captura do Stellarium. Capella e o seu entorno, con Xúpiter en Xéminis (non sempre está aí). Algunhas das estrelas que se ven xa falamos delas, doutras falaremos.

Noite do 25 de abril de 2013

Esta é unha aportación de Rubén Alonso. Grazas Rubén!

A verdade é que a piques estivemos de perdernos este acontecemento. Pero o noso amigo Rubén avisounos a tempo.

Hoxe a noite vai a estar nubrada, pero como a Lúa está grande e brillante nos lugares onde as nubes sexan poucas ou moi finas e altas poderase contemplar sen moitos problemas. Moi probablemente esta situación darase no sur de Galicia, no norte haberá que esperar a ver se cambian as cousas ao longo do día. De tódolos xeitos non deixedes de intentalo!

Que se pode facer hoxe? Hoxe se pode intentar, se as nubes o permiten, ver un eclipse parcial de Lúa. Non imos explicar moito porque hai moi boa información e suficiente no diario ABC: consellos para ver o eclipse parcial de Lúa.

Se sacades fotos ou grabades estaremos encantados de que o compartades con nós. Eu se simplemente queres comentar a experiencia tamén son benvidos os comentarios.

Desfrutade da noite!

Noite do 23 de abril de 2013

Esta é unha aprotación de Daniel Ríos. Moitas grazas Daniel!!!

Ademáis da Lúa, as estrelas e os planetas, existen moitos outros obxectos que é posible observar no ceo de noite. Hoxe falaremos dos satélites artificiais, e concretamente da ISS (do inglés, International Space Station). Esta estación espacial orbita arredor da Terra a unha altura aproximada de 400 km, é dicir, 40 veces máis alto ca un avión comercial.

issTrátase do satélite artificial máis grande xamáis lanzado polo home, cunha lonxitude aproximada de máis de 100 metros (o equivalente a un campo de fútbol).

Durante as primeiras horas da noite e os instantes previos ao amencer, é posible observala moitas veces, como un punto luminoso semellante a unha estrela que se move polo ceo, a unha velocidade considerable.

Que se pode facer hoxe? Como as previsións meteorolóxicas indican que a noite será despexada en toda Galicia, hoxe vos animamos a que contempledes a ISS.

Teredes que mirar ás 23:06 h cara o horizonte oeste (o lugar por onde se escondeu o Sol), e comezaredes a ver un punto luminoso que se move e vai ascendendo cada vez mais alto polo ceo (o movemento apreciase perfectamente a simple vista). Unha referencia é ver para Xúpiter, tal e como vos indicamos nunha noite da semana pasada.

Ascenderá durante uns 3 minutos, aumentando cada vez mais o seu brillo, e posteriormente desaparecerá en poucos segundos. Isto é debido a que a estación introdúcese na sombra do noso propio planeta, e ao non recibir a luz so Sol deixa de ser visible.

Os pases da Estación Espacial Internacional son moi frecuentes, e pódense observar cunha frecuencia de varias veces a semana. Existen páxinas web que permiten calcular este tipo de acontecementos introducindo a ubicación xeográfica, como por exemplo http://www.heavens-above.com/

Desfrutade da noite!!

Como curiosidade deixamos este vídeo sobre un percance dunha astronauta na ISS

Arcturus

arcturusRecordades cal é a estrela máis brillante das noites do Hemisferio Norte? Efectivamente, Sirio, pero esta estrela é visible só durante o inverno e parte da primavera. Como se pode ver na seguinte caputra do Stellarium, por estas datas empeza a aparecer outra estrela moi brillante ao mesmo tempo que Sirio está cada vez máis baixa ao anoitecer. Esta estrela que aparece impoñenete mentres avanza a primavera é Arcturus, ou Artur na imaxe.

arturStellariumArcturus é a cuarta estrela máis brillante do ceo, de todo o ceo. Ademáis é a estrela gardián da osa por estar preto da Osa Maior e da Osa Menor. Está na constelación do Pastor (“Boyero” en español, Boötes oficialmente) e a súa observación a simple vista mostra, segundo a capacidade visual de cada un, unha cor tirando a vermella bastante intensa, polo que con esta cor e a seguinte imaxe que amosa as diferentes constelacións podedes tentar atopala.

arturBootsSempre foi unha estrela moi famosa, dende o Antigo Exipto e China, pasando polos gregos e chegando ata os nosos días. A súa luminosidade é a causante de que estea presente sempre ao longo da historia. Na mitoloxía grega atopamos a seguinte lenda:

Arcturus era fillo de Zeus e de Calisto.
Hera, a celosa esposa de Zeus,
convirteu a Calisto nunha osa.
Arcturus foi a cazar osos e, alleo ao feitizo,
 estivo a piques de matar á súa nai.
Zeus evitouno e elevouna ao ceo, onde se
convirteu na “Ursa Major”, a Osa Maior.(fonte)

A estrela máis brillante da constelación do Pastor forma parte dunha lista de estrelas que se usan para a navegación náutica, actividade na cal a situación xeográfica é determinada polas estrelas. Por suposto, recoñecer as estrelas máis brillantes en medio da inmensidade dun océano sen contaminación lumínica é moi importante, por iso Arcturus pertence a esta lista de estrelas náuticas. É curioso que só as estrelas máis brillantes sexan as únicas identificables tanto en ausencia absoluta de contaminación lumínica, como coa contaminación lumínica que temos que soportar nas cidades en terra firme.

Grazas a Daniel Ríos por axudar a facer esta entrada.

Noite do 19 de abril de 2013

Parece que esta noite pode haber algunha nube na Mariña lucense, pero no resto de Galicia vai a estar o ceo despexado. Hai que aproveitar para desfrutar da noite que ademáis xa é venres.

Que se pode facer hoxe? Onte propuxemos observar un pouco a Lúa, que está en fase crecence. Quizáis algún xa se percatou que no luscofusco nocturno hai un punto moi luminoso e fixo, que non escintila. Isto é un planeta, o planeta Xúpiter. Cun telescopio pequeno pódense ver ata catro dos seus satélites, os máis grandes, que son Ío, Europa, Ganímedes e Calisto, os chamados satélites galienanos porque foi Galileo quen os descubriu.

Captura do programa Stellarium
Captura do programa Stellarium

Desfrutade da noite!!

Noite do 18 de abril de 2013

Estreamos esta nova sección de Que se pode facer hoxe?
Esperamos que sexa do voso agrado e agradecemos calquer tipo de intervención, recomendación e crítica para facer esta sección, e todas as demáis, dinámica, entretida e o mellor posible.

Hoxe parece que imos ter unha noite anubrada en no norte e despexada no sur de Galicia. En calquera caso e como estamos comezando imos propoñer algo sinxelo, pero bonito: observar a Lúa.

Nestes momento a Lúa está crecente e pódese ver como a parte escura está perfilada por unha luz avelaíña. Se tedes uns prismáticos podedes usalos para ir vendo como medra a Lúa nestes días. Segundo os gustos é interesante ver tanto os límites ben definidos do noso satélite na súa circunferencia como os límites indefinidos que se forman onde se “parte” a Lúa, ademáis dos diferentes cráteres e mares claro.

Desfrutade da noite!

Mizar e Alcor

mizar_e_alcor

Xuntas e inseparables. Un dúo moi peculiar que a priori non ten nada de espectacular. Así como outras estrelas teñen unha cor característica, un tamaño considerable o un fulgor rechamante, Mizar e Alcor, aínda que xuntas, diferentes, son dúas estrelas, digamos, “do montón”. Entón, ¿por que lle facemos un oco no Paseo da Fama? Moi simple, porque a priori parece que non aportan nada, pero non é certo.

Mizar e Alcor son dúas estrelas diferentes e lonxanas entre si, pero que dende a Terra aparecen moi xuntiñas no ceo nocturno. Entre elas non hai ningún tipo de atracción física, por iso son calsificadas como un sistema dobre óptico.

Estas dúas estrelas están na constelación da Osa Maior. Esta constelación está no pequeno grupo de constelacións circumpolares do Hemisferio Norte, que son constelacións que están visibles durante todo o ano. Polo tanto Mizar e Alcor tamén se poden ver sempre no Hemisferio Norte e nunca no Hemisferio Sur. A locaclización de Osa Maior e de Mizar e Alcor nela non é moi difícil. A imaxe que se motra a continuación debería ser suficiente para non perderse.

Fonte
Fonte

Segundo a agudeza visual de cada persoa pódense ver estas dúas estrelas no ceo separadas. Isto é algo peculiar, xa que xeralmente as estrelas dobres ou binarias non se poden ver separadas a simple vista dende a Terra. Esta diferenza con outras estrelas e o feito de que son visibles todo o ano, convértennas nun atractivo do ceo nocturno, pero non só para desfrutar delas en calquera noite despexada, senón tamén para que un grupo de persoas poidan comprobar as diferenzas de aguza visual existentes entre elas. Medir a aguza visual deste xeito era o que facían nalgunhas civilizacións antigas para elexir aos arqueiros, por exemplo. Por este motivo pódese atopar nunha páxina de profesionais da óptica e optometría unha entrada adicada a Mizar e Alcor. Aquí está a páxina.

Como xa comentamos no caso das Pléiades, para desfrutar da astronomía non sempre é necesario un telescopio, moitas veces con levantar a mirada é suficiente e uns prismáticos poden mostrar moitas cousas interesantes e bonitas. Mizar e Alcor son un espectáculo do que se pode desfrutar a simple vista, como vimos comentando, e tamén cuns prismáticos, xa que están o suficientemente xuntas como para entrar no campo de visión e suficientemente separadas como para distinguilas.

Para máis información, tanto astronómica coma histórica, podedes consultar estas dúas páxinas:

Polo tanto o sistema formado por Mizar e Alcor é un novo espectáculo celeste que hai que coidar. Se a contaminación lumínica persiste ou aumenta pódense perder un par de estrelas con moita historia.

Sirio

Empezamos o noso particular Paseo da Fama con Betelgeuse, en Orión, e logo, dende o cinturón da constelación do cazador, presentamos ás Pléiades. Hoxe imos cara o outro lado do cinturón para coñecer a Sirio, unha estrela cargada de historias e de moito interese.

sirio_paseo_fama

Sirio está na constelación de Canis Maior, un dos cans de caza de Orión. No medio das campañas IACO e GaN estaría ben que mirásedes para o ceo para participar nelas e para intentar localizar a Sirio. Sen dúbida non teredes moitos problemas, xa que é a estrela máis brillante que se ve nas noites invernais do Hemisferio Norte (sabedes cal é a estrela máis brillante, moito máis que Sirio?). Localizando o cinturón de Orión e trazando unha liña recta dende aí chégase a Sirio. Algún recordará que estas eran as indicacións para atopar as Pléiades, pois Sirio está xusto no sentido contrario.

Fonte
Pinchar aquí para ver fonte

Insistimos en que hai moito que contar de Sirio, unha simple ollada á Wikipedia dá unha idea da importancia dela. Por comentar algunha cousa aquí, diremos que foi unha estrela moi importante para os exipcios, xa que no Antigo Exipto axudou a facer o calendario desa civilización, e a súa posición no ceo marcaba o inicio do ano do seu calendario.

Unha busca rápida por internet levaravos dunha historia a outra nun bucle sen fin. Ao que se conta nos enlaces xa postos engadimos un último, este. Moitas historias e de moitos tipos. Desfrutádeas.

Pléiades

pleiadesUnha das xoias do noso ceo!

As Pléiades, que en grego significa As Pombas, é un cúmulo de estrelas (cúmulo aberto) visible a simple vista. É unha das marabillas que de seguro convencerá a moitos da necesidade de coidar o ceo nocturno.

Este cúmulo é visible a simple vista e moi doado de localizar: hai que prolongar a liña que forma o Cinturón de Orión, ata chegar a un lugar onde se observa algo de luminosidade.

Pleiades_names

Coméntase que os exipcios usaban as Pléiades para elexir aos seus arqueiros e vixías, xa que depende da agudeza visual invidual distinguir entre ningunha ou 7 estrelas (ten máis, pero normalmente é este o intervalo medio de estrelas que se ve a simple vista). Tamén dise que usaban as estrelas Mízar e Alcor co mesmo obxectivo, como comentaremos na entrada correspondente.

De verdade imos deixar que a contaminción lumínica estropee este espectáculo? Non só se poden ver a simple vista, tamén se poden desfrutar cuns prismáticos. SON ESPECTACULARES! Na maioría dos lugares de momento non é necesario afastarse moito da cidade, basta con ir a un lugar non moi iluminado. É unha experiencia moi bonita para a estación do inverno tentar atopar Orión e, dende esta constelación, descubrir as Pléiades. É moi doado e bonito.

As Pléiades son as protagonistas de numerosas lendas en tódolos continentes, culturas e civilizacións. Non se trata nesta entrada de contar todas, así que vos deixamos uns cantos enlaces de interese e invitámosvos a investigar un chisco se vos interesa.

pleyades_encontrar
Fonte: último enlace da lista anterior
Fonte: http://oculimundienclase.blogspot.com.es/2011/08/las-pleyades.html
Fonte: http://oculimundienclase.blogspot.com.es/2011/08/las-pleyades.html

 

Betelgeuse

betelgeuseEstreamos o noso Paseo da Fama particular aproveitando que estamos en plena campaña Globe at Night (GaN). Para participar en GaN hai que observar a constelación de Orión e é nesa constelación onde está Betelgeuse.

Betelgeuse é unha xigante vermella, de cor vermella-alaranxada, que se sitúa nun dos ombreiros de Orión, o cazador. É unha estrela moi brillante moi doada de localizar, xa que Orión é unha constelación moi grande e distinguible que se pode ver durante todo o inverno en España.

Como todo bo cazador Orión ten cans, e o Can Menor, un dos seus cans e unha constelación cercana, pódese atopar facilmente grazas a Betegeuse. Simplemente hai que trazar unha liña entre os ombreiros de Orión, seguir a liña máis alá de Betelgeuse e a seguinte estrella brillante, Procyon, é unha das dúas que forman o Can Menor.

Betelgeuse na constelación de Orión. Fonte: http://www.yalescientific.org/2011/05/betelgeuse-ticking-time-bomb/
Betelgeuse na constelación de Orión. Fonte: http://www.yalescientific.org/2011/05/betelgeuse-ticking-time-bomb/