Medidas de brillo de ceo en San Adrián de Cobres, Vilaboa (Pontevedra) (19-22/12/2017).

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

San Adrián de Cobres está no concello de Vilaboa, na costa norte da Ría de Vigo na enseada da Illa de San Simón, a carón da Ponte de Rande. Pola beira do mar trascorre a estrada N-554, arranxada non hai moitos anos. O punto onde se mediu está na beira desta estrada, preto do porto deportivo de San Adrián de Cobres e ao lado dun campo de fútbol.

As noites nas que se mediron foron pouco anubradas en termos xerais e os resultados foron mellor do esperado. Nin sequera a proximidade da Ponte de Rande que conta xa con LEDs brancos de considerable potencia parece estropear o ceo desta zona que ocupa un lugar privilexiado na Ría de Vigo.

Nas gráficas pódese comprobar como o ceo escurece co paso da noite en parte pola posta da Lúa e máis polo cese da actividade humana. Nás gráficas dos días 20 e 22 vense un par de horas con medidas de entre 18 e 18,5 magnitudes que moi probablemente se explican polas luces do campo de fútbol, é dicir, moita luz da que se usa no campo non cumple a función de iluminar o terreo de xogo e vai directamente ao ceo.

 

Medidas en Broullón, Moaña (22-27/11/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Broullón está en Moaña, Pontevedra, na estrada que une este municipio con Marín, xa do lado da Ría de Pontevedra. Queda ao carón do Corredor do Morrazo e aí estreamos o novo SQM que mercamos recentemente. Os resultados son bos. A pesar de haber lúa hai moitas medidas feitas sen a súa presenza. As primeiras noites, con nubes, o brillo do ceo é considerable (17-18 magnitudes), pero as últimas, despexadas, tomáronse medidas de máis de 19,5 magnitudes. Non son malos resultados para un lugar que se atopa fronte a Vigo e non moi lonxe do centro da vila de Moaña. Seguramente a altura á que se atopa este lugar axuda a obter unhas medidas que mostran un ceo pouco contaminado. Aínda que o aumento de brillo con nubes significa que a contorna si está moi contaminada, xa que o brillo de lugares moi contaminantes, como Vigo e probablemente Cangas e o propio centro de Moaña chega ata este lugar reflectido nelas.

Medidas do brillo do ceo no Observatorio Astronómico de Cotobade (16,17,18/05/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Dende o día 6 ata o 18 de maio a Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra instalou o noso SQM no Observatorio Astronómico de Cotobade (Pontevedra) que eles xestionan. Publicamos só as noites sen Lúa e máis estables en canto a meteoroloxía. Os resultados, como cabe esperar nun lugar adicado á observación astronómica, son bos. O reto está en manter este espazo e espallar a calidade do ceo máis alá do observatorio.

Medidas do brillo do ceo na EOI de Vigo (20 a 23/04/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Con motivo do obradoiro que organizamos na Escola Oficial de Idiomas de Vigo instalamos alí o SQM para medir a contaminación luminosa. É un lugar situado nun punto alto da cidade e rodeado de casa e edificios baixos. A propia escola facía de pantalla protexendo o SQM da luz do centro da cidade. Esperabamos que os resultados aquí fosen bos, pero foron un auténtico desastre. Todo apuntaba a que esta parte da cidade sería máis escura que o centro, pero non, apenas hai diferencia se se observan as gráficas. A máxima escuridade medida estivo preto das 18,5 magnitudes, medidas propias dun ceo claramente contaminado.

Medidas do brillo do ceo en Patos, Nigrán (7,8,9/03/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Instalamos un par de SQM para calibralos en Patos, Nigrán. Eran noites con Lúa, para ter variabilidade e facer mellor a calibración, polo que os resultados son moi variables, aínda que moi interesantes, xa que ao final das noites, cando a Lúa se escondía e non había nubes, chégase a medir case 20 magnitudes, un ceo de boa calidade.

As Rías Baixas de noite

Rías Baixas
Rías Baixas

Impresionante foto sacada dende a Estación Espacial Internacional (ISS polas súas siglas en inglés) das Rías Baixas. Dende o Miño ata o comezo da Ría de Arousa están moi ben visibles localidades coma Tui, Valença, Cangas, Moaña, Bueu, Sanxenxo… E por suposto Vigo e Pontevedra, que resaltan sobre todas as demais.

Dende logo non é unha imaxe para presumir xa que deixa en evidencia a cantidade de luz que se malgasta e que afecta ao medio natural.

Premer aquí para ver a foto pequena.

Premer aquí para ver a foto grande.

Se facedes zoom na grande, pódese ver con total claridade toda a costa da cidade de Vigo, incluidas algunhas praias e o peirao de transatlánticos.

Máis información sobre a imaxe aquí: http://eol.jsc.nasa.gov/scripts/sseop/photo.pl?mission=ISS032&roll=E&frame=15526

Estas e outras imaxes aquí: http://www.citiesatnight.org/index_ES.html#gallery

Galería de imaxes publicada en: Alejandro Sánchez de Miguel, José Gómez Castaño, Jaime Zamorano, Christopher CM Kyba, Sergio Pascual,M Ángeles, L Cayuela, Guillermo Martín Martinez and Peter Challupner, Atlas of astronaut photos, of Earth at night, News and Reviews in Astronomy & Geophysics, Vol. 55 no4. August 2014 (in press).