A Ría de Vigo. Parte 2ª: a Ponte de Rande.

A Ría de Vigo. Parte 1ª: as luces de Nadal

Recentemente a Ponte de Rande recibiu un premio en New York (El puente de Rande se corona en Nueva York) e desatouse a tolemia. A Xunta de Galicia contactou en tempo récord con Audasa, a concesionaria da autopista AP-9 que pasa pola ponte, e coa axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) para poñer iluminación ornamental de xeito permanente na ponte.

As Rías Baixas son un enclave que hai que protexer, e que está protexido. O equibrio biolóxico que existe aquí permite o cultivo do mexillón e a presenza dun gran número de aves nas diferentes illas das rías, como recoñece o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Para que esta protección sexa efectiva nas Rías Baixas temos os seguintes recoñecementos (se alguén detecta que falta algún que nolo faga saber):

Estas distincións supoñen que as illas das Rías Baixas  e un amplo territorio marítimo están considerados de interese para protexer todo o espazo natural: flora, fauna e ceo escuro. A luz artificial pode interferir nos distintos parámetros polos que se decidiu protexer e promocionar este territorio.

É doado caer na argumentación sinxela de que a Ponte de Rande non está dentro de ningún destes espazos, o cal é certo, mais a luz propágase a quilómetros da fonte de emisión se non se fai unha correcta instalación, tanto en potencia coma en dirección e cor.

Recentemente Audasa decidiu cambiar a iluminación da ponte a apostar por LEDs brancos e tamén alumou os novos carrís co mesmo tipo de luz. Como se pode ver na foto cedida polo compañeiro Richy, a luz non queda exclusivamente sobre a superficie da ponte, polo que a iluminación afecta a toda a contorna, isto é:

Rande _DSC0278retoque2__DSC0286retoque2-9 images
Fotografía cedida por Richyman (Instagram: @rixyman)
  • A iluminación afecta e afectará directamente á superficie marítima máis próxima á ponte,
  • a luz propágase a toda a ría, chegando ás zonas de protección e afectando ás aves, as cales son das máis perxudicadas pola contaminación luminosa, cegándoas e cambiando o seu comportamento normal,
  • podería afectar tamén aos polígonos de bateas máis próximos, xa que o mexillóns só se alimentan de noite na escuridade.
  • Ponse o perigo a preservación da noite e, por elo, o Destino Turístico Starlight.

Engadir máis luz á Ponte de Rande, ademáis da necesaria que estipula a lei por seguridade, é aumentar a presión  sobre os puntos comentados, que xa teñen bastante coa contaminación luminosa de Vigo sobre todo, mais tamén doutras vilas que se asentadas na contorna das Rías Baixas. Por todo isto a Xunta debe replantearse se o obxectivo neste século XXI e contaminar e malgastar cartos ou ben cumplir coa Axenda 2030 da UNESCO de Desenvolvemento Sostible e racionalizar o gasto e a iluminación e protexer os espazos naturais.

A Ría de Vigo. Parte 1ª: as luces de Nadal

Coma tódolos anos dende hai uns cantos chegan as luces de Nadal a Vigo para verse dende o Espazo, luces_nadal_davilapara cegar aos habitantes de New York e para competir con Tokio en iluminación. O alcalde de Vigo presume do gasto, da cantidade de luces LED instaladas e da cantidade de visitas que recibe Vigo para ver as luces. Non imos encher este artigo con enlaces a tódalas noticias existentes sobre este asunto porque unha búqueda rápida na Internet é suficiente para acadar toda a información necesaria para quen a necesite.

O primeiro que hai que dicir sobre as luces de Nadal é que son una instalación efímera, é dicir, non permanente, co al o trato que se lle dá a esta iluminación dende un punto de vista da contaminación luminosa é diferente a outras instalacións. Os parámetros polos que medimos o impacto das luces de Nadal poden ser os seguintes:

  • Custe económico,
  • custe ambiental en produción da electricidade necesaria,
  • o tempo que transcorre dende o primeiro día de encendido ata o último,
  • o horario diario no que permanecerán acesas.

Podemos omitir nesta lista o impacto ambiental por iluminación, non porque non exista, que como mostra o seguinte vídeo só se necesitan uns minutos de luz para cegar a paxaros (e a Ría de Vigo está nunha Zona de Especial Protección de Aves, pero isto vai para a parte 2ª desta serie de artigos), senón porque podemos admitir que todo o que facemos ten o seu impacto e o obxectivo é minimizalo sen chegar a eliminalo cando así o decidamos. E a xente quere luces de Nadal.

Homenaxe dos atentados das Torres Xemelgas (World Trade Center)

Centrando a atención entón na lista dada temos que (omitimos cifras conscientemente. Todas, ou case todas, están na Internet, mais o obxectivo é pensar na iluminación e non tanto en poñer cifras):

  • O custo económico é enorme. É certo que Vigo recibe moitas visitas e existe certo retorno na economía local, mais estamos nun tempo no que se procura un turismo sustentable, respectuoso coa contorna e de calidade. ¿Poderíase atraer xente con menos luces? ¿A cantidade é igual á calidade? ¿Quizáis estamos ante un turismo que vén abraido polas cifras desorbitadas de número de luces e non tanto polo bonito que pode ser? ¿Podería ser que a xente veña a Vigo aproveitando unha escusa, que tanto dá que sexa esta coma outra menos custosa? Incluso podería ser que o realmente atractivo sexa a presenza da cidade e o alcalde en tódolos medios de comunicación. Noutros lugares consiguen turismo con moitas menos luces, cunha simple árbore.
  • Toda luz consume. E os LEDs tamén. A inmensa cantidade de luces LEDs instaladas aumentan o consumo de electricidade e, polo tanto, a contaminación atmosférica. Se garantimos que a enerxía que consomen é enerxía renovable o que se fai é aumentar a presión sobre bosques, montañas, ríos, mares, etc. para instalar os xeneradores de enerxía necesarios para atender estes picos de consumo. ¿Non temos xa demasiado consumo eléctrico como para engadir outro máis de tales proporcións?
  • Cada ano as luces de Nadal están acesas durante máis tempo. Isto é porque os comerciantes din que fomenta o consumo. Nin máis nin menos. As luces estimulan aos seres vivos e, no caso dos humanos, iso ten unha consecuencia directa no consumo. ¿Aceptamos sen máis que con cartos municipais instalen iluminación para fomentar o consumo? Hai que entender ben esta parte. Non se trata de que se fomente un consumo responsable e necesario, ou que se pretenda dar vida a un barrio que estaba en decadencia, ou que se estea promocionando un producto concreto porque acaba de saír, etc. Trátase de que as luces fan que gastemos cartos sen necesidade.
    Por suposto, ao estar acesas máis tempo tamén empeoran os puntos anteriores: máis custe económico e máis contaminación.
  • O horario no que se acenden as luces tamén é importante (descoñecemos o dato concreto neste caso). As luces de Nadal son coloridas, son estimulantes e iso afecta directamente ao noso comportamento e á nosa bioloxía. As luces afectan aos nosos ritmos circadiáns (Melatonina e Contaminación lumínica y ritmo circadiano.), polo que unha iluminación excesiva nas horas nocturnas ten consecuencias na nosa saúde e benestar.
    Neste apartado poderíamos incluir a influencia da luz artificial na nosa contorna: aves, insectos, peixes, plantas… Canta menos noite escura lle deixemos, máis influimos na súa vida normal.

Todo o comentado aquí pódese argumentar con datos concretos, mais o que se busca é unha reflexión sobre a relación que temos coa iluminación artificial e, concretamente, coas luces de Nadal. Hai que abandonar a espiral mediática onde está asentada agora mesmo a cidade de Vigo, deixar a idea de que o exceso é meritorio e buscar un equilibrio entre todo o comentado, de tal xeito que a cantidade de luces, o custo de mantelas, o respecto polo medio ambiente e a vida humana na cidade teñan consonancia e harmonía.

Retomamos o noso labor! Actividade con Aulas Abiertas.

O Colectivo en Transición Calidade do Ceo Nocturno leva un tempo parado, mais estamos de volta e volvemos cunha colaboración con Aulas Abiertas e Asociación Astronómica Rías Baixas.

Aínda que durante este tempo no que non tivemos actividade pública non estivemos totalmente parados, unha serie de circunstancias impediu que Calidae do Ceo funcionase como o facía dende 2011. Pasadas moitas desas circunstancias estamos en condicións de recuperar o noso labor pouco a pouco. Esperamos seguir contando coa confianza de todos os que nos seguides.

Aquí vos deixamos a próxima actividade en Vigo:

Exposición ata o 5 de abril e charla máis roteiro o 3 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello de Vigo

A exposición sobre contaminación luminosa dos colegas de Agrupación Astronómica Ío da Coruña que estivo semanas atrás no instituto Castelao de Vigo e na Escola Oficial de Idiomas da mesma cidade continua o percorrido pola cidade olívica e está agora e ata o día 5 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello, moi preto da Colexiata.

Como culminación da exposición organizamos xunto coa Asociación Astronómica Rías Baixas unha charla sobre contaminación luminosa e astronomía no mesmo centro de visitantes o martes 3 de abril ás 19.00h. Ao final da charla haberá un roteiro polo Casco Vello para poñer en práctica os aspectos críticos da iluminación artificial tratados durante a actividade.

Medidas do brillo do ceo no IES Castelao de Vigo (07-20/02/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Mentres un dos SQM está polo interior de Galicia o outro anda pola costa. O IES Castelao de Vigo prestou as súas instalacións para instalar o SQM e medir o brillo do ceo nocturno e tamén para falar sobre contaminación luminosa aos mozos de 1º de Bacharelato.

Este instituto atópase nunha zona alta de Vigo, xusto onde comezan as estradas que levan a outras zonas máis altas xa fóra do centro da cidade que son periféricas. Diante do instituto atópanse tres fontes que fan de rotondas cunha considerable iluminación artificial instalada. A iluminación da zona non é moi diferente á doutros sitios e hai unha mestura interesante das típicas luces das que se instalaban antes nas estradas con outras máis novas que teñen un bo diseño: ben direccionadas e amarelas. Mais nas grandes cidades os contaminadores son moitos e os resultados destas medidas amosan resultados interesantes: as noites con nubes o brillo é tal que se mide por debaixo de 15 magnitudes. É a primeira vez que os nosos medidores chegan a estes valores, nin na EOI, moi preto deste instituo, nin na Praza Elíptica, no centro da cidade, aínda que ao lado do monte do Castro que ten unha iluminación moi baixa, vimos ceos tan brillantes. Será interesante facer un seguimento continuo nestes lugares e comparar os resultados co fotómetro que Meteogalicia ten no porto de Vigo. ¿Estará aumentando a contaminación luminosa na cidade ou é algo puntual no lugar onde se atopa o instituto Castelao? Observando con calma a iluminación da megarrotonda que hai no cruce onde está o instituto podería ser esta a culpable de gran parte do problema. Comentar que os fotómetros usados en cada caso son diferentes e que estamos a traballar na súa calibración. As diferenzas entre lugares poden variar despois disto.

A continuación as gráficas que mostran os resultados obtidos.

 

Medidas do brillo do ceo en Vigo (22/09/2016)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Dende o 22 de setembro ao 4 de outubro instalamos un fotómetro SQM na contorna da Plaza Elíptica de Vigo, no tellado dun edificio. Esta é unha zona céntrica da cidade, pero xa na parte alta. Está ao carón do monte do Castro e preto da Praza de España (a dos cabalos). Houbo noites nubradas, despexadas e con choiva, polo que os resultados son moi variados e requiren unha boa interpretación. O valor máximo acadado foi de 19 magnitudes, pero foron medidas puntuais. A maioría das medidas son cercanas a 18,5 magnitudes.

Nas gráficas adxuntas vese claramente como as nubes e a choiva inflúen no brillo do ceo. A pesar da altura á que se tomaron estas medidas é evidente a contaminación luminosa. As medidas están na media das cidades e pódense atopar núcleos urbanos mellores e peores. En breves trataremos de facer algunha comparación.

Medidas do brillo do ceo en Bueu (04/09/2016)

(Se é a primeria vez que escoitas falar do SQM visita esta páxina Brillo do ceo nocturno)

A semana do 4 de setembro instalamos un SQM no camiño da Carrasqueira, en Bueu. É un lugar que está uns metros máis alto que o centro urbano da vila. Instalouse nun recinto pechado lonxe de luces de camiños e rúas e bastante protexido dos lugares da contorna que máis luz emiten. O tempo durante esta semana non foi moi estable, intercaláronse noites nubradas con despexadas. A Lúa estivo presente nalgunhas noites pero a baixa altura e cun brillo inferior ao 45%.

Nesta publicación compartimos dúas gráficas moi diferentes, pero que mostran como actúan as nubes nun lugar que é escuro cando estas non están presentes. A pesar de que o SQM non ten luces preto, o reflexo das luces artificiais sobre as nubes non se produce só na zona onde están instaladas, senón que se expande ata chegar a sitios que en principio non teñen unha considerable contaminación luminosa.

En xeral os resultados son bos cando non hai nubes e o que sucede cando o ceo está cuberto vén a dicir que na contorna do lugar si hai unha cantidade considerable de contaminación luminosa.

Certificacións Starlight

Tras compartir en Facebook a foto de Starlight Initiative onde se ven os diferentes destinos turísticos Starlight, comprobamos que hai certa confusión entre as calificacións de destino turístico e reservas Starlight.

destino_starlight_españa
Destinos turísticos Starlight ata marzo de 2016. Vía Starlight Initiative

Na propia páxina da fundación está todo explicado, pero dado que nos últimos meses engadíronse dous destinos turísticos galegos á lista queremos deixalo claro aquí. O Parque marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e Pena Trevinca non son reservas Starlight.

Resumindo: os criterios para ser reserva son máis esixentes.

Polo miúdo: na seguinte táboa vemos as diferenzas no tocante aos criterios de calidade do ceo, todos eles moi relacionados con actividades astronómicas:

Destino turístico Reserva
Noites despexadas 50% 60%
Escuridade do ceo 21 mag/arcseg^2 21,4 mag/arcseg^2
Nitidez 3 arcoseg 1 arcoseg
Transparencia 6 mag 0,15 mag

Nos destinos turísticos evalúase, ademais dos parámetros anteriores, os seguintes:

  • destino_starlight_illasMisión, valores e obxectivos.
  • Compromiso e gobernanza do destino.
  • Estratexia, plan de acción e sistema de información.
  • Conservación do patrimonio cultural e natural asociado.
  • Atractivos, servizos e infraestruturas turísticas.
  • Xestión do coñecemento, formación e divulgación.
  • Control, xestión e seguimento do programa e do destino turístico Starlight.

 

No caso das reservas Starlight establécense categorías segundo o terreo de aplicación e as propiedades da zona: sitios patrimonio, sitios de observación astronómica, sitios naturales, paisaxes das estrelas, oasis Starlight e sitios mixtos.

As reservas Starlight requiren dunha zonificación onde se establecen diferentes graos de protección do ceo escuro e estrelado, chegando a esixir a preservación intacta das condicións de luz natural e nitidez do ceo nocturno.

Estes dous procesos teñen dous obxectivos claros: turismos sostible e conservación do medio ambiente. Ambos queren protexer a escuridade natural establecendo criterios e procedementos para que a incidencia humana sexa a xusta e necesaria (destinos turísticos) e para que a paisaxe nocturna non perda o seu esplendor (reservas).

Máis información na páxina da Fundación Starlight: http://fundacionstarlight.org/

Contaminación lumínica nas Rías Baixas en fotos

Todas as fotos que aparecen neste artigo pertencen a Ricardo Lago e contamos co seu permiso para usalas.

As seguintes imaxes mostran a cantidade de luz que hai en Domaio e en Vigo e a que se ve na costa dende Ons.

As seguintes imaxes son star trails feitos dende diferentes lugares. Estas fotos consisten en sacar unha foto cun tempo de exposición longo para ver o percorrido das estrelas.

En primeiro lugar vemos dúas imaxes onde claramente as estrelas máis baixas pérdense na contaminación lumínica.

En segundo lugar vemos unhas fotos en lugares onde a contaminación lumínica é moito menor e vense moitas máis estrelas a alturas máis baixas.

Graciñas a Ricardo por estas fotos!

Illas Atlánticas, destino turístico Starlight

Como moitos saberedes xa pola prensa e por nós, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas está a procurar a obtención do distintivo de Destino turístico Starlight. Membros do noso grupo participaron na medición do brillo do ceo nas illas de Cíes e Ons, un paso necesario para a obtención do distintivo.

Outro paso importante na obtención deste selo internacional de destino turístico é o apoio social e Calidade do Ceo Nocturno asinou hai uns días o seguinte comunicado de apoio: manifesto de apoio.

Son varias as asociacións que están a manifestarse a prol das Illas Atlánticas, algúns exemplos son a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Asociación Astronómica de Vigo.

Diferentes artigos sobre esta moi boa nova:

E por suponto a Xunta de Galicia participa activamente neste obxectivo: Medio Ambiente promove a certificación do Parque das Illas Atlánticas como destino turístico Starlight

Rías Baixas
Rías Baixas. Pódese ver a escuridade nas illas, mais queda moito por traballar na costa.