Utilidade do SQM na actualidade: presentacións nos congresos Gaia e LPTMM 2022.

No ano que rematou hai uns días houbo dous congresos en Santiago de Compostela, un presencial e outro virtual, nos que participamos falando do noso traballo co SQM feito dende 2016 e publicado nesta bitácora:

https://calidadedoceo.wordpress.com/contaminacion-luminosa-en-galicia/brillo-do-ceo-nocturno/: Utilidade do SQM na actualidade: presentacións nos congresos Gaia e LPTMM 2022.

En maio estivemos no workshop de Gaia Breaking Barriers: Inspiring the Next Generation cunha presentación oral (http://mao.tfai.vu.lt/breakingbarriers/) e en xuño presentamos un póster no congreso LPTMM (https://martinaube.wixsite.com/lptmm).

Nesta ocasión foi posible participar nestas reunións con científicos profesionais grazas a que as dúas foron gratuítas. Nós, que seguimos facendo ciencia no noso tempo libre e cos nosos medios, agradecemos esta oportunidade e a selección da nosa proposta para presentar o noso traballo de máis de 5 anos continuados.

A presentación que fixemos nas dúas xuntanzas pódese ver aquí: https://www.researchgate.net/publication/361861071_The_role_of_SQM-LU-DL_device_currently_experiences_in_Galicia_Spain

Medidas do brillo do ceo nocturno en Navia de Suarna, Lugo (abril-xuño 2022)

(Se é a primeria vez que escoitas falar do SQM visita esta páxina Brillo do ceo nocturno)

No límite de Galicia con Asturias está o concello de Navia de Suarna. Alí estivo un dos nosos SQM, da man de Eduardo, medindo con algúns problemas técnicos, pero obtendo interesantes medidas nas parroquias de Muñís e Trabadelos.

En Muñís atopamos un ceo bastante escuro como se ve na seguinte gráfica onde se representan 589 medidas no cénit sen Lúa.

Por outra banda, en Trabadelo, onde só se puido medir unha noite, vese un ceo moi escuro e con pouca contaminación luminosa na súa contorna. Isto sabémolo porque esta noite houbo algunha nube e iso fixo que a escuridade do ceo aumentase superando as 22 magnitudes. En presencia de contaminación luminosa as nubes o que fan é aumentar o brillo e non diminuílo. Estas medidas concretas, polo tanto, non son significativas en si mesmas, senón que dá información dentro da xeneralidade da noite.

Medidas do brillo do ceo no IES Fernando Blanco en Cee (19/01-21/03-2022)

(Se é a primeria vez que escoitas falar do SQM visita esta páxina Brillo do ceo nocturno)

A comezos de 2022 colocamos un SQM en Cee, no IES Fernando Blanco, nunha contorna urbana. Estas medidas, xunto coas de Baio (Medidas do brillo do ceo no IES Maximino Romero de Lema, Baio (Zas) (13/12/2021-12/01/2022)) son importantes especialmente pois toda a rexión da Costa da Morte quere declararse Destino Turístico Starlight (Que pasa na costa: A Costa da Morte posiciónase como ‘Destino Starlight’)

As medidas en xeral entran no esperado: ceo tirando a escuro cando está despexado (19,5 magnitudes aproximadamente) e moi contaminado en presencia de nubes (15,5 magnitudes aprox. Ver o día 28 de marzo por exemplo).

A continuación deixamos algunhas gráficas das medidas tomadas:

Medidas de brillo do ceo en Taboada, Lugo (23-25/01/2022)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Aínda que o SQM estivo colocado á beira do río Miño polo seu paso por Taboada (Lugo) durante case dous meses, un problema técnico provocou que só teñamos tres noites con datos. O ceo neste val é bo, como indican as medidas, e queda pendente un traballo interesante de poñer a medir no val e no cumio dous SQM calibrados e ó mesmo tempo para estudar o brillo do ceo nocturno do lugar.

Medidas do brillo do ceo no IES Espiñeira, Boiro (23-27/10/2020)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Medimos no IES Espiñeira, en Boiro, en noites coa presenza da Lúa nalgunhas horas e con nubes pasando constantemente. O instituto está situado nun lugar alto sobre o centro de vila e con vistas á Ría de Arousa. Nesta contorna e, á vista dos resultados, hai presenza de contaminación luminosa sobre todo en puntos máis alonxados do centro educativo, xa que o brillo do ceo vese aumentado cando hai nubes; mentres que na proximidade semella que a iluminación non é tan contaminante, xa que sen nubes o máximo de escuridade acadado son 20,5 magnitudes.

Medidas do brillo do ceo na contorna de Ribeira (19-21/02/2020)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Unha vez máis coa colaboración da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra participamos conxuntamente nunha campaña de medidas. Nesta ocasión o SQM foi instalado no concello de Ribeira, na Praia dos Mosqueiros, na Ría da Arousa.

As medidas publicadas tiveron que ser correxidas por un problema técnico co SQM, polo que podería haber algún erro, mais despois dalgunhas comprobacións estes deberían ser pequenos (en termos de décimas de magnitudes) salvo que a corrección tamén teña algún erro. Para ter unha certeza absoluta sobre estes datos volveremos a medir no lugar, mentres podemos ter unha idea boa dos ceos da zona indicada no seguinte mapa.

Ubicación do SQM en Ribeira.

Unha vez máis en ubicacións con ceos tirando a pouco brillantes pero con contaminación luminosa na contorna, a aparición de nubes provoca un aumento de brillo significativo que se pode ver nas gráficas. Sen nubes o ceo chega a sobrepasar as 20 magnitudes, un valor moi bo.

Medidas do brillo do ceo en Santa Cruz, Oleiros (14-23/08/2020)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

En Santa Cruz, no concello de Oleiros, moi preto da cidade de A Coruña, teñen unha historia romántica cunha pardela cincenta, unha das aves mariñas máis afectadas pola contaminación luminosa e vimos de medir alí o brillo do seu ceo nocturno cuns resultados interesantes.

Ubicación do SQM en Santa Cruz, Oleiros.

Tomáronse medidas dun total de oito noites, onde só unha o ceo estivo despexado, aínda que esa noite, a última, foi húmida e houbo moito orballo. Nesta noite despexado vese un ceo aceptable tendo en conta a proximidade dunha cidade como A Coruña, aínda que hai que resaltar que o SQM colocouse fóra do núcleo urbano de Santa Cruz, nunha finca privada sen luces. O resto de días vense gráficas moi cambiantes debido ás nubes, nas que se reflicte a luz ao haber contaminación luminosa na contorna e aumeta o brillo (é dicir, as medidas dan magnitudes máis baixas).

Medidas do brillo do ceo no IES Castelao de Vigo (07-20/02/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Mentres un dos SQM está polo interior de Galicia o outro anda pola costa. O IES Castelao de Vigo prestou as súas instalacións para instalar o SQM e medir o brillo do ceo nocturno e tamén para falar sobre contaminación luminosa aos mozos de 1º de Bacharelato.

Este instituto atópase nunha zona alta de Vigo, xusto onde comezan as estradas que levan a outras zonas máis altas xa fóra do centro da cidade que son periféricas. Diante do instituto atópanse tres fontes que fan de rotondas cunha considerable iluminación artificial instalada. A iluminación da zona non é moi diferente á doutros sitios e hai unha mestura interesante das típicas luces das que se instalaban antes nas estradas con outras máis novas que teñen un bo diseño: ben direccionadas e amarelas. Mais nas grandes cidades os contaminadores son moitos e os resultados destas medidas amosan resultados interesantes: as noites con nubes o brillo é tal que se mide por debaixo de 15 magnitudes. É a primeira vez que os nosos medidores chegan a estes valores, nin na EOI, moi preto deste instituo, nin na Praza Elíptica, no centro da cidade, aínda que ao lado do monte do Castro que ten unha iluminación moi baixa, vimos ceos tan brillantes. Será interesante facer un seguimento continuo nestes lugares e comparar os resultados co fotómetro que Meteogalicia ten no porto de Vigo. ¿Estará aumentando a contaminación luminosa na cidade ou é algo puntual no lugar onde se atopa o instituto Castelao? Observando con calma a iluminación da megarrotonda que hai no cruce onde está o instituto podería ser esta a culpable de gran parte do problema. Comentar que os fotómetros usados en cada caso son diferentes e que estamos a traballar na súa calibración. As diferenzas entre lugares poden variar despois disto.

A continuación as gráficas que mostran os resultados obtidos.

 

Medidas de brillo do ceo en Trellerma, Toén (Ourense) (17-23/01/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Desta volta o SQM viaxou ao interior de Galicia e tocoulle a Toén, en Ourense, concretamente ao lugar de Trellerma, grazas a un colaborador do noso colectivo. A uns pouco quilómetros ao oeste da cidade de Ourense e ao sur do río Miño atopamos un ceo algo máis brillante do esperado, pero con pouca contaminación luminosa en xeral.  Curiosamente e a pesar de medir en noites principalmente despexadas non se chega ás 20 magnitudes e as poucas veces que si se obteñen estas medidas son durante intervalos nubosos. É dicir, con nubes o ceo é máis escuro, comportamento de ceos sen contaminación luminosa (se a houbese esta reflectaríase nas nubes). En defintiva Trellerma é un lugar con escasa contaminación luminosa como se observa nas seguintes gráficas.