Actividade na EOI de Vigo e en liña o 13-09-2021

O vindeiro luns 13 de setembro estaremos ás 11:00 na aula 10 da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e tamén por videoconferencia. Por favor, para participar escribide a calidadedoceo@gmail.com indicando a modalidade de asistencia. Coma sempre, esta actividade faise coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística da EOI-Vigo e tamén coa participación de Cel Fosc, asociación contra la contaminación lumínica e IDA (International Dark Sky Association).

A actividade consistirá en presentar as causas e consecuencias da contaminación luminosa, falaremos por suposto das luces de Nadal de Vigo, dos cambios de iluminación a LED na iluminación pública e aprenderemos tamén a ler e interpretar medidas de brillo do ceo para ter capacidade crítica sobre este asunto.

A noite acesa 2021 (actividade na EOI-Vigo e en liña)

O ano pasado tivemos que suspender a actividade anual na Escola Oficial de Idiomas de Vigo pola pandemia. Volvemos este ano cunha actividade preferentemente telemática a celebrar durante a International Dark Sky Week, pero para a que reservamos 5 sitios para acudir de xeito presencial. A aula reservada para actividade admite 15 personas para cumprir coas medidas de seguidade, mais reducimos a asistencia a 5.

Actividade

Mércores 7 de abril de 2021 ás 17:30 ou ben na aula E2 da EOI-Vigo (5 persoas) ou ben telematicamente vía Webex. Duración aproximada de unha hora e media.

O acceso telemático será a través da plataforma Webex e pódese participar tendo simplemente conexión a Internet, non é necesario ter a aplicación se non se quere. As instrucións para a conexión enviaranse a tódalas persoas que se apunten e axudaremos en todo o que necesiten ás persoas que teñan dificultades con este tipo de conexións.

A actividade terá como finalidade presentar a contaminación luminosa, que é e como se pode evitar, e faremos diferentes xogos, veremos moitos exemplos e favorecermos a participación activa de tódolos asistentes.

Para máis información escribir a eoi.vigo.edl@gmail.com ou a calidadedoceo@gmail.com.

  • Inscricións:
    • eoi.vigo.edl@gmail.com
    • 986 260 210
    • Na conserxería da EOI-Vigo

A Ría de Vigo. Parte 2ª: a Ponte de Rande.

A Ría de Vigo. Parte 1ª: as luces de Nadal

Recentemente a Ponte de Rande recibiu un premio en New York (El puente de Rande se corona en Nueva York) e desatouse a tolemia. A Xunta de Galicia contactou en tempo récord con Audasa, a concesionaria da autopista AP-9 que pasa pola ponte, e coa axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) para poñer iluminación ornamental de xeito permanente na ponte.

As Rías Baixas son un enclave que hai que protexer, e que está protexido. O equibrio biolóxico que existe aquí permite o cultivo do mexillón e a presenza dun gran número de aves nas diferentes illas das rías, como recoñece o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Para que esta protección sexa efectiva nas Rías Baixas temos os seguintes recoñecementos (se alguén detecta que falta algún que nolo faga saber):

Estas distincións supoñen que as illas das Rías Baixas  e un amplo territorio marítimo están considerados de interese para protexer todo o espazo natural: flora, fauna e ceo escuro. A luz artificial pode interferir nos distintos parámetros polos que se decidiu protexer e promocionar este territorio.

É doado caer na argumentación sinxela de que a Ponte de Rande non está dentro de ningún destes espazos, o cal é certo, mais a luz propágase a quilómetros da fonte de emisión se non se fai unha correcta instalación, tanto en potencia coma en dirección e cor.

Recentemente Audasa decidiu cambiar a iluminación da ponte a apostar por LEDs brancos e tamén alumou os novos carrís co mesmo tipo de luz. Como se pode ver na foto cedida polo compañeiro Richy, a luz non queda exclusivamente sobre a superficie da ponte, polo que a iluminación afecta a toda a contorna, isto é:

Rande _DSC0278retoque2__DSC0286retoque2-9 images
Fotografía cedida por Richyman (Instagram: @rixyman)

  • A iluminación afecta e afectará directamente á superficie marítima máis próxima á ponte,
  • a luz propágase a toda a ría, chegando ás zonas de protección e afectando ás aves, as cales son das máis perxudicadas pola contaminación luminosa, cegándoas e cambiando o seu comportamento normal,
  • podería afectar tamén aos polígonos de bateas máis próximos, xa que o mexillóns só se alimentan de noite na escuridade.
  • Ponse o perigo a preservación da noite e, por elo, o Destino Turístico Starlight.

Engadir máis luz á Ponte de Rande, ademáis da necesaria que estipula a lei por seguridade, é aumentar a presión  sobre os puntos comentados, que xa teñen bastante coa contaminación luminosa de Vigo sobre todo, mais tamén doutras vilas que se asentadas na contorna das Rías Baixas. Por todo isto a Xunta debe replantearse se o obxectivo neste século XXI e contaminar e malgastar cartos ou ben cumplir coa Axenda 2030 da UNESCO de Desenvolvemento Sostible e racionalizar o gasto e a iluminación e protexer os espazos naturais.

A Ría de Vigo. Parte 1ª: as luces de Nadal

Coma tódolos anos dende hai uns cantos chegan as luces de Nadal a Vigo para verse dende o Espazo, luces_nadal_davilapara cegar aos habitantes de New York e para competir con Tokio en iluminación. O alcalde de Vigo presume do gasto, da cantidade de luces LED instaladas e da cantidade de visitas que recibe Vigo para ver as luces. Non imos encher este artigo con enlaces a tódalas noticias existentes sobre este asunto porque unha búqueda rápida na Internet é suficiente para acadar toda a información necesaria para quen a necesite.

O primeiro que hai que dicir sobre as luces de Nadal é que son una instalación efímera, é dicir, non permanente, co al o trato que se lle dá a esta iluminación dende un punto de vista da contaminación luminosa é diferente a outras instalacións. Os parámetros polos que medimos o impacto das luces de Nadal poden ser os seguintes:

  • Custe económico,
  • custe ambiental en produción da electricidade necesaria,
  • o tempo que transcorre dende o primeiro día de encendido ata o último,
  • o horario diario no que permanecerán acesas.

Podemos omitir nesta lista o impacto ambiental por iluminación, non porque non exista, que como mostra o seguinte vídeo só se necesitan uns minutos de luz para cegar a paxaros (e a Ría de Vigo está nunha Zona de Especial Protección de Aves, pero isto vai para a parte 2ª desta serie de artigos), senón porque podemos admitir que todo o que facemos ten o seu impacto e o obxectivo é minimizalo sen chegar a eliminalo cando así o decidamos. E a xente quere luces de Nadal.

Homenaxe dos atentados das Torres Xemelgas (World Trade Center)

Centrando a atención entón na lista dada temos que (omitimos cifras conscientemente. Todas, ou case todas, están na Internet, mais o obxectivo é pensar na iluminación e non tanto en poñer cifras):

  • O custo económico é enorme. É certo que Vigo recibe moitas visitas e existe certo retorno na economía local, mais estamos nun tempo no que se procura un turismo sustentable, respectuoso coa contorna e de calidade. ¿Poderíase atraer xente con menos luces? ¿A cantidade é igual á calidade? ¿Quizáis estamos ante un turismo que vén abraido polas cifras desorbitadas de número de luces e non tanto polo bonito que pode ser? ¿Podería ser que a xente veña a Vigo aproveitando unha escusa, que tanto dá que sexa esta coma outra menos custosa? Incluso podería ser que o realmente atractivo sexa a presenza da cidade e o alcalde en tódolos medios de comunicación. Noutros lugares consiguen turismo con moitas menos luces, cunha simple árbore.
  • Toda luz consume. E os LEDs tamén. A inmensa cantidade de luces LEDs instaladas aumentan o consumo de electricidade e, polo tanto, a contaminación atmosférica. Se garantimos que a enerxía que consomen é enerxía renovable o que se fai é aumentar a presión sobre bosques, montañas, ríos, mares, etc. para instalar os xeneradores de enerxía necesarios para atender estes picos de consumo. ¿Non temos xa demasiado consumo eléctrico como para engadir outro máis de tales proporcións?
  • Cada ano as luces de Nadal están acesas durante máis tempo. Isto é porque os comerciantes din que fomenta o consumo. Nin máis nin menos. As luces estimulan aos seres vivos e, no caso dos humanos, iso ten unha consecuencia directa no consumo. ¿Aceptamos sen máis que con cartos municipais instalen iluminación para fomentar o consumo? Hai que entender ben esta parte. Non se trata de que se fomente un consumo responsable e necesario, ou que se pretenda dar vida a un barrio que estaba en decadencia, ou que se estea promocionando un producto concreto porque acaba de saír, etc. Trátase de que as luces fan que gastemos cartos sen necesidade.
    Por suposto, ao estar acesas máis tempo tamén empeoran os puntos anteriores: máis custe económico e máis contaminación.
  • O horario no que se acenden as luces tamén é importante (descoñecemos o dato concreto neste caso). As luces de Nadal son coloridas, son estimulantes e iso afecta directamente ao noso comportamento e á nosa bioloxía. As luces afectan aos nosos ritmos circadiáns (Melatonina e Contaminación lumínica y ritmo circadiano.), polo que unha iluminación excesiva nas horas nocturnas ten consecuencias na nosa saúde e benestar.
    Neste apartado poderíamos incluir a influencia da luz artificial na nosa contorna: aves, insectos, peixes, plantas… Canta menos noite escura lle deixemos, máis influimos na súa vida normal.

Todo o comentado aquí pódese argumentar con datos concretos, mais o que se busca é unha reflexión sobre a relación que temos coa iluminación artificial e, concretamente, coas luces de Nadal. Hai que abandonar a espiral mediática onde está asentada agora mesmo a cidade de Vigo, deixar a idea de que o exceso é meritorio e buscar un equilibrio entre todo o comentado, de tal xeito que a cantidade de luces, o custo de mantelas, o respecto polo medio ambiente e a vida humana na cidade teñan consonancia e harmonía.

Retomamos o noso labor! Actividade con Aulas Abiertas.

O Colectivo en Transición Calidade do Ceo Nocturno leva un tempo parado, mais estamos de volta e volvemos cunha colaboración con Aulas Abiertas e Asociación Astronómica Rías Baixas.

Aínda que durante este tempo no que non tivemos actividade pública non estivemos totalmente parados, unha serie de circunstancias impediu que Calidae do Ceo funcionase como o facía dende 2011. Pasadas moitas desas circunstancias estamos en condicións de recuperar o noso labor pouco a pouco. Esperamos seguir contando coa confianza de todos os que nos seguides.

Aquí vos deixamos a próxima actividade en Vigo:

Exposición ata o 5 de abril e charla máis roteiro o 3 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello de Vigo

A exposición sobre contaminación luminosa dos colegas de Agrupación Astronómica Ío da Coruña que estivo semanas atrás no instituto Castelao de Vigo e na Escola Oficial de Idiomas da mesma cidade continua o percorrido pola cidade olívica e está agora e ata o día 5 de abril no Centro de Visitantes do Parque das Illas Atlánticas no Casco Vello, moi preto da Colexiata.

Como culminación da exposición organizamos xunto coa Asociación Astronómica Rías Baixas unha charla sobre contaminación luminosa e astronomía no mesmo centro de visitantes o martes 3 de abril ás 19.00h. Ao final da charla haberá un roteiro polo Casco Vello para poñer en práctica os aspectos críticos da iluminación artificial tratados durante a actividade.

Obradoiro sobre contaminación luminosa na EOI de Vigo – 15/03/2018

O xoves 15 de marzo ás 20.00 faremos un obradoiro sobre contaminación luminosa na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. A actividade está aberta para todo o público.

Complementariamente dende o día 5 e ata o día do obradoiro no vestíbulo da escola poderase ver a exposición A contaminación luminosa depende de nós, unha exposición de 3 paneis obra da Agrupación Astronómica Ío da Coruña, e dunha pequena exposición de telescopios da Asociación Astronómica Rías Baixas.

O obxectivo xeral do obradoiro é capacitar aos asistentes para criticar e valorar calquera tipo de iluminación artificial noctura dando as ferramentas necesarias para coñecer as consecuencias que os diferentes tipos de luz teñen na contorna na que se instalan.

Aprenderemos a diferenciar a mala e a boa iluminación, por que as temperaturas de cor son importantes, que cambios e consecuencias supuxo a tecnoloxía LED e a súa instalación desenfreada; falaremos de diferentes estudos científicos en materias diversas como economía, delincuencia, bioloxía, saúde, seguridade vial, medio ambiente, entre outros, e descubriremos como medir e interpretar resultados de contaminación luminosa para poder mergullar nesta problemática sen perdernos.

O desenvolvemento farase con exemplos reais, con xogos e favorecendo a participación dos asistentes.

a_noite_acesa_2018

Medidas do brillo do ceo no IES Castelao de Vigo (07-20/02/2018)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Mentres un dos SQM está polo interior de Galicia o outro anda pola costa. O IES Castelao de Vigo prestou as súas instalacións para instalar o SQM e medir o brillo do ceo nocturno e tamén para falar sobre contaminación luminosa aos mozos de 1º de Bacharelato.

Este instituto atópase nunha zona alta de Vigo, xusto onde comezan as estradas que levan a outras zonas máis altas xa fóra do centro da cidade que son periféricas. Diante do instituto atópanse tres fontes que fan de rotondas cunha considerable iluminación artificial instalada. A iluminación da zona non é moi diferente á doutros sitios e hai unha mestura interesante das típicas luces das que se instalaban antes nas estradas con outras máis novas que teñen un bo diseño: ben direccionadas e amarelas. Mais nas grandes cidades os contaminadores son moitos e os resultados destas medidas amosan resultados interesantes: as noites con nubes o brillo é tal que se mide por debaixo de 15 magnitudes. É a primeira vez que os nosos medidores chegan a estes valores, nin na EOI, moi preto deste instituo, nin na Praza Elíptica, no centro da cidade, aínda que ao lado do monte do Castro que ten unha iluminación moi baixa, vimos ceos tan brillantes. Será interesante facer un seguimento continuo nestes lugares e comparar os resultados co fotómetro que Meteogalicia ten no porto de Vigo. ¿Estará aumentando a contaminación luminosa na cidade ou é algo puntual no lugar onde se atopa o instituto Castelao? Observando con calma a iluminación da megarrotonda que hai no cruce onde está o instituto podería ser esta a culpable de gran parte do problema. Comentar que os fotómetros usados en cada caso son diferentes e que estamos a traballar na súa calibración. As diferenzas entre lugares poden variar despois disto.

A continuación as gráficas que mostran os resultados obtidos.

 

Había pouca luz? Xa está o Nadal aquí!

Polo de agora as luces de Nadal aínda chegan máis tarde que a Lotería, pero a este ritmo a saber…

O encendido das luces de Nadal é toda unha festa en xeral e, en particular, en Vigo foi todo un acontecemento, como cada cousa que ten lugar na cidade dende que está Abel Caballero de alcalde. Non hai nada malo nisto, o problema é a mensaxe que se dá facendo unha festa de cousas que non son para nada boas: aínda queda aun mes para Nadal! Pero haberá que comezar polo principio:

En Vigo existe unha rotonda cunha pantalla LED circular con non pouca potencia. Entre outros usos é unha pantalla de publicidade pero tamén de cine ao aire libre. A luz que emite esta pantalla chega ata varias alturas dos edificios veciños, pero a ninguén parece importarlle.

pantalla_vigo_rotonda
Rotonda na rúa Rosalía de Castro de Vigo. Fotografía: Faro de Vigo.

Xa houbo hai tempo problemas noutra zona da cidade por pantallas de publicidade excesivamente potentes, pero aínda queda moito para que se escoiten estas queixas.

Dende hai un tempo na cidade estanse a mudar as luces das rúas do centro. A verdade é que a corrección da dirección das luces é moi correcta, pero no así da cor, como non podería ser doutro xeito estanse a instalar luces LED brancas que nalgúns sitios chegan a cegar e que non son nada boas como xa dixemos en varias ocasións. Ademais de xenerar grandes contrastes moi incómodos.

vigo
Esquerda: nova iluminación na rúa García Barbón. Dereita: a antiga en Rosalía de Castro. Vigo.

Os cambios continúan e está previsto facer obras no barrio de Coia onde se substituirán os volcáns da Avda. de Castelao por unha fervenza de auga e… luces. Tamén Teis, na entrada do Barrio das Flores vaise facer unha nova praza na que se va a instalar nova iluminación, como se a actual non fose suficiente.

E chegou novembro e empezan os praparativos de Nadal e en Vigo comezan a aparecer bólas xigantes de luces e unha árbore que cada ano ten máis altura e, polo tanto, máis luces. O peor de todo é que seguimos vendendo a luz, o exceso de luz, como calidade de vida e riqueza, e xa non é que unha luz sexa un voto, é que agora as lucen véndense do mesmos xeito que se vendeu no seu día a Cidade da Cultura de Galicia ou a estación do AVE de tren de Vigo, que estaban e están ben só porque foron deseñadas por arquitectos de fama mundial, pois o mesmo as luces: Vigo ten as mesmas luces que Nova Iorque.

Poderá pensar alguén que estamos defendendo que non haxa luces de Nadal. Nada máis lonxe da realidade. Galicia, e España, está nunha seca sen precedentes (non imos falar da multitude de fontes que hai nas cidades porque non é o noso obxectivo, pero non quere dicir que non nos preocupe), o cambio climático é indiscutible e a mesma cidade que está pedindo aforrar auga, que está implorando porque chova, presume de ter cada ano máis luces de Nadal que aumentan o consumo eléctrico e, polo tanto, a emisión de contaminantes á atmosfera. É urxente racionalizar o consumo eléctrico por este tipo de iluminacións que nin son necesarias durante un mes nin son necesarias nas cantidades que se instalan. Xa non se trata de que as luces de Nadal se espallan en todas direccións sen control, que se instalan porque son estimulantes (demostración de que a luz non é inocua) ou que impidan o noso dereito a gozar da noite como o que é, noite. Falamos de malgasto enerxético e de aumento de produción de enerxía con todas as súas consecuencias.

 

Medidas do brillo do ceo na EOI de Vigo (20 a 23/04/2017)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Con motivo do obradoiro que organizamos na Escola Oficial de Idiomas de Vigo instalamos alí o SQM para medir a contaminación luminosa. É un lugar situado nun punto alto da cidade e rodeado de casa e edificios baixos. A propia escola facía de pantalla protexendo o SQM da luz do centro da cidade. Esperabamos que os resultados aquí fosen bos, pero foron un auténtico desastre. Todo apuntaba a que esta parte da cidade sería máis escura que o centro, pero non, apenas hai diferencia se se observan as gráficas. A máxima escuridade medida estivo preto das 18,5 magnitudes, medidas propias dun ceo claramente contaminado.