Obradoiro de contaminación luminosa na EOI de Vigo. 27/04/2017

O 27 de abril, ás 20.:30, estaremos na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo (sede central en Martínez Garrido) cun obradoiro sobre contaminación luminosa en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística.

Neste obradoiro falaremos de astronomía (identificación de estrelas e constelacións) e de como medir a contaminación luminosa contando estrelas e tamén doutros tipos de medida e da súa interpretació. Falaremos de proxectos internacionais e de como participar neles. Faremos diferentes xogos para aprender as causas e consecuencias da contaminación luminosa. Ao remate todos os asistentes serán capaces de recoñecer a contaminación luminosa, de medila e de saber de que forma hai que iluminar en cada momento para facelo correctamente.

Esperámosvos na EOI de Vigo. O obradoiro é de balde pero convén inscribirse en calidadedoceo@gmail.com, en eoi.vigo.edl@gmail.com ou na conserxería do centro.

cartel_2017-1

Comparación de ceos: Bueu, Vigo e Castrelo de Miño.

Xa levamos tempo medindo ceos de Galicia e chegou á hora de interpretar os datos facendo comparacións. Todos os datos están en Brillo do ceo nocturno e neste mapa de Galicia.

Comezamos a comparación de ceos vendo o que sucede nun ceo en plena cidade, Vigo, nun ceo semi urbano, na Carrasqueira, en Bueu; e nun ceo rural, no Clube Náutico de Castrelo de Miño.

Collemos unha noite máis ou menos estable de medidas en cada lugar con características similares: ningunha ou moi poucas nubes e ausencia de Lúa. Ao medir en noites diferentes a noite non comeza á mesma hora, polo que comparamos os datos das horas centrais da noite. Temos en conta que nalgúns lugares pode haber luces que se apaguen a partir dunha hora determinada, como parece ser o caso de Castrelo de Miño e tamén que pode haber datos que por algún motivo se saen do esperado, como pasa na gráfica de Castrelo de Miño que ten un pico ao redor das 12 horas UTC (tempo universal). Nesta ocasión traballamos con tempo universal exclusivamente porque se comparamos noites en horario de verán e noites en horario de inverno a transformación de tempo universal a hora local cambia: en verán hai que sumar 1 hora ao tempo universal para ter a hora local e en inverno hai que sumar dúas horas. Pero traballando en tempo universal evitamos estos problemas e concentrámonos en facer unha análise da escuridade do ceo ao transcurso da noite.

Tendo en conta o comentado podemos ver que en Castrelo de Miño ao comezo da noite o brillo do ceo é considerablemente maior que nas horas centrais da noite. Pero despois, como cabe esperar, o ceo é moito máis escuro que nos outros lugares cos que se compara. No caso de Bueu estamos a falar dun lugar un pouco máis alto co centro urbano e algo alonxado deste. Isto tradúcese nun ceo dunhas 20 magnitudes, que é un ceo bastante escuro, mentres que en Vigo, no centro da cidade e a pesar de medir nun dos puntos máis altos da mesa, o ceo brillo moito.

En definitiva: os ceos urbanos, semi urbanos e rurais teñen moita diferenza de brillo do ceo, pero os da cidade son mellorables, como veremos en próximas comparativas entre ceos urbanos.

Medidas do brillo do ceo en Vigo (22/09/2016)

(Se é a primeria vez que les sobre isto é recomendable que visites a páxina Brillo do ceo nocturno)

Dende o 22 de setembro ao 4 de outubro instalamos un fotómetro SQM na contorna da Plaza Elíptica de Vigo, no tellado dun edificio. Esta é unha zona céntrica da cidade, pero xa na parte alta. Está ao carón do monte do Castro e preto da Praza de España (a dos cabalos). Houbo noites nubradas, despexadas e con choiva, polo que os resultados son moi variados e requiren unha boa interpretación. O valor máximo acadado foi de 19 magnitudes, pero foron medidas puntuais. A maioría das medidas son cercanas a 18,5 magnitudes.

Nas gráficas adxuntas vese claramente como as nubes e a choiva inflúen no brillo do ceo. A pesar da altura á que se tomaron estas medidas é evidente a contaminación luminosa. As medidas están na media das cidades e pódense atopar núcleos urbanos mellores e peores. En breves trataremos de facer algunha comparación.

Visita ao colexio Labor (19-05-2016)

O xoves 19 de maio de 2016 visitamos o colexio vigués Labor para falar sobre contaminación luminosa con rapaces de 1º da ESO. Esta foi unha visita especial xa que é a nosa primeira actividade na provincia de Pontevedra.

A experiencia para nós foi, novamente, moi positiva. Todos os asistentes foron moi participativos, estiveron moi atentos ao que contamos e ademais fixeron preguntas moi interesantes.

Para o recordo quedan as seguintes fotos. Esperamos volver pronto e que eles o pasaran tan ben coma nós.

Illas Atlánticas, destino turístico Starlight

Como moitos saberedes xa pola prensa e por nós, o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas está a procurar a obtención do distintivo de Destino turístico Starlight. Membros do noso grupo participaron na medición do brillo do ceo nas illas de Cíes e Ons, un paso necesario para a obtención do distintivo.

Outro paso importante na obtención deste selo internacional de destino turístico é o apoio social e Calidade do Ceo Nocturno asinou hai uns días o seguinte comunicado de apoio: manifesto de apoio.

Son varias as asociacións que están a manifestarse a prol das Illas Atlánticas, algúns exemplos son a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Asociación Astronómica de Vigo.

Diferentes artigos sobre esta moi boa nova:

E por suponto a Xunta de Galicia participa activamente neste obxectivo: Medio Ambiente promove a certificación do Parque das Illas Atlánticas como destino turístico Starlight

Rías Baixas
Rías Baixas. Pódese ver a escuridade nas illas, mais queda moito por traballar na costa.

As Rías Baixas de noite

Rías Baixas
Rías Baixas

Impresionante foto sacada dende a Estación Espacial Internacional (ISS polas súas siglas en inglés) das Rías Baixas. Dende o Miño ata o comezo da Ría de Arousa están moi ben visibles localidades coma Tui, Valença, Cangas, Moaña, Bueu, Sanxenxo… E por suposto Vigo e Pontevedra, que resaltan sobre todas as demais.

Dende logo non é unha imaxe para presumir xa que deixa en evidencia a cantidade de luz que se malgasta e que afecta ao medio natural.

Premer aquí para ver a foto pequena.

Premer aquí para ver a foto grande.

Se facedes zoom na grande, pódese ver con total claridade toda a costa da cidade de Vigo, incluidas algunhas praias e o peirao de transatlánticos.

Máis información sobre a imaxe aquí: http://eol.jsc.nasa.gov/scripts/sseop/photo.pl?mission=ISS032&roll=E&frame=15526

Estas e outras imaxes aquí: http://www.citiesatnight.org/index_ES.html#gallery

Galería de imaxes publicada en: Alejandro Sánchez de Miguel, José Gómez Castaño, Jaime Zamorano, Christopher CM Kyba, Sergio Pascual,M Ángeles, L Cayuela, Guillermo Martín Martinez and Peter Challupner, Atlas of astronaut photos, of Earth at night, News and Reviews in Astronomy & Geophysics, Vol. 55 no4. August 2014 (in press).

Faros que non xiran e contaminación lumíninca nos portos

Cada día son maiores as consecuencias negativas da contaminación lumínica sobre a seguridade portuaria. Ademais, a propia contaminación lumínica emitida polos portos é cada vez máis importante sobre os entornos nos que se ubican, incluso cando estos son urbanos.

Debido á contaminación lumínica e para evitar cegamentos estase a probar un novo faro en España. Non sabemos se o tema LED e a cor que elixan será o mellor, pero neste caso, por non saber de faros non imos opinar neste apartado. Pincha aquí para ler a nova.

Dende hai uns anos hai unhas luces brancas que aumentaron considerablemente a contaminación lumíninca
Porto de Vigo. Dende hai uns anos hai unhas luces brancas que aumentaron considerablemente a contaminación lumíninca

A solución do faro que non xira por si soa non acabará co problema. Os cegamentos en portos urbanos poden ser causados pola luz da cidade cando esta non é correcta, e pola do propio porto.

Un problema engadido nos portos é que estos poden estar ubicados en zonas protexidas. Seguindo co de Vigo, este está ubicado nunha zona de protección de aves e tamén preto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se quere declarar destino Starlight (ler aquí e aquí).

Por todo o comentado os portos deberían empezar a ser parte activa na loita contra a contaminación lumínica.

Reciclado de luces no alumado público

Na Rúa Boán do barrio de Teis, en Vigo, levan xa un tempo facendo obras de melloras. Dende que comezaron esperabamos con certa ansiedade saber que pasaría coas luces do lugar. É unha rúa pequena e moi pouco transitada onde se poden ver unhas cantas estrelas no medio da cidade. Nunca ninguén se queixou de falta de luz, a pesar de ter algo menos que as rúa que están arredor dela e tampouco tiña moitos puntos de luz. Así que o medo a que a cantidade de luz aumentara, xa por número de luces ou por potencia, era o que provocaba a nosa ansiedade. Pero levamos unha sorpresa cando vimos que a actuación de renovación da luz foi tan sinxela como poñer pés de luces novos e azuis (ata o de agora as luces estaban ancladas aos edificios) e aproveitar as luces vellas para poñer nestes pés. Non só o Concello aforrou cartos así, se non que mantén a luz que existía e que ninguén pediu que cambiara.

Aquí unha foto dun anclaxe sen luz e a do pé azul novo coa luz de sempre.

reciclaxe_luz